Dende o punto información sobre Dereitos Sociais de Coia amosan a súa preocupación pola crise sanitaria e socioeconómica provocada polo Covid-19 e queren saber como van afectar as medidas tomadas polo Goberno a aquelas persoas que malviven de “esmolas sociais”, de empregos precarios ou de pensións insuficientes.
A xuízo dos seus responsábeis, as medidas de confinamento, engadidas a falta de previsión das diferentes administracións, “están a afondar a crúa situación que vimos padecendo”. Por iso, esixen medidas urxentes para atender a aquelas persoas que ante a paralización da actividade causada por esta pandemia van ficar sen ingresos ou ver recortados os mesmos.
A inquedanza na que están familias e persoas empobrecidas: as que dormen nas rúas, as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais como a RISGA ten que ser respondida con “medidas que aproveiten esta crise para redistribuír a riqueza e poñela así ao servizo daquelas que sofren a precariedade e pobreza”. Dende a Oficina de Dereitos Sociais de Coia advirten de que “o coronavirus non pode engadir un novo castigo para as que malvivimos en medio da riqueza dunhas poucas”.
Desde a ODS-Coia alertan de que o “estado de alarma” agrava os recortes sociais que as autoridades veñen aplicando sistematicamente, por iso “facemos unha chamada para artellar respostas colectivas que nos permitan saír desta situación con máis dereitos. Moitas persoas e colectivos “levamos anos defendendo que fronte as faragullas sociais como a RISGA cómpre organizarse para loitar por dereitos fortes como a Renda Básica das iguais”, que permitiría que todas as persoas poidan vivir cuns mínimos de dignidade.
“Cando volvamos ás rúas seguiremos a loitar pola renda básica das iguais e moito máis, pero polo momento aproveitamos para lanzar este lema: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica