A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que a Unión Europea mobilice fondos de “forma urxente” para paliar as consecuencias económicas da pandemia do Covid-19.
“É imprescindible emendar o Fondo de Solidariedade para dar asistencia financeira aos Estados membros afectados pola emerxencia de saúde pública”, subliña ao tempo que reclama coordinación e celeridade á Unión Europea “porque non hai tempo que perder”.
Para a portavoz do Bloque en Europa as axudas económicas presentadas pola Comisión Europea, das que ao Estado español lle corresponden 4.145 millóns dos 37.000 millóns propostos “son claramente insuficientes para facer fronte a unha crise sen precedentes e conter as consecuencias da expansión do coronavirus”. Ao respecto considera que a
Unión Europea debe incluír a posibilidade de gasto cara paliar a situación de emerxencia de saúde pública provocada pola pandemia, contemplando a asistencia á poboación afectada e a posta en marcha de medidas de protección contra o risco de contaxio.
“Precísanse medidas de emerxencia coordinadas a nivel europeo”, salienta a portavoz do BNG en Europa, para quen resulta urxente a mobilización de forma flexible os Fondos de Cohesión. “Os fondos europeos deben servir neste momento para axudar a mercar material sanitario de probas e prevención, axudas a autónomos e traballadores e
traballadoras afectadas, así como a familias sen recursos”, explica.
Impulso ao salario mínimo
Por outro lado, Miranda insta á Comisión Europea a reactivar os traballos xa iniciados para poñer en marcha o salario mínimo europeo, xa anunciados hai dous meses. Para a nacionalista trátase dunha medida fundamental contra a desigualdade social e a precariedade laboral que xa debería estar implantada. “Se xa contásemos cun Salario Mínimo a
crise causada polo coronavirus tería unhas consecuencias menores na clase traballadora”, destaca.
Neste sentido a portavoz do BNG en Europa critica a falta de eficacia da Comisión Europea á hora de protexer os dereitos dos traballadores e traballadoras, que precisamente na situación actual seguen sendo as persoas máis vulnerables desde o punto de vista laboral. Lembra ademais que a CE pretendía fixar unha remuneración mínima equivalente ao 60% del salario medio de cada país, de forma que se garantisen as peculiaridades estatais.