A
Deputación de Pontevedra remitiu este mércores aos
concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia unha comunicación para informar que o próximo venres publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a resolución presidencial de modificación das bases reguladoras das axudas básicas de emerxencia para este ano 2020.
A finalidade da modificación é que os concellos poidan solicitar á Deputación o 100% do importe que lles corresponde para poder atender con maior axilidade orzamentaria as necesidades das persoas máis vulnerables durante o Estado de Alarma decretado polo COVID19. Terán prioridade as axudas destinadas a cubrir as necesidades das familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo, e inclúense atencións de carácter complementario.
En canto ao prazo de presentación de solicitudes, mantense o prazo establecido nas bases reguladoras aínda que deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (
https://sede.depo.gal), sendo
válidas as solicitudes presentadas dende o 3 de marzo de 2020. Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que prevé a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
Por outra banda, a Deputación de Pontevedra está a tramitar de urxencia as novas bases do Plan Concertado e SAF, en vías de ser publicadas a próxima semana, e o goberno provincial está a ultimar unha nova liña de axudas para dotar de máis recursos a fin de atender as demandas sociais nos concellos.