Galicia Sucesos

Aprazada a apelación do asasino de Diana Quer prevista para o 31 de marzo

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou aprazar a vista de apelación polo crime de Diana Quer prevista para o próximo 31 de marzo ao 28 de abril ás 11 horas.

Os maxistrados indican na providencia que toman a decisión baixo a vixencia do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, no que se declarou o ‘Estado de Alarma’ debido á crise sanitaria do Covid-19. O tribunal considerou “decisivo” á hora de decretar a suspensión da vista que a data de vencemento da prisión provisional decretada para o sospeitoso “non é próxima no tempo”, pois vence en decembro de 2032. A Sala do Civil e Penal tamén destaca que existen “dificultades técnicas” para a celebración por videoconferencia da vista e resaltan os “riscos para a saúde” que suporía para as persoas que necesariamente estarían implicadas nela.

A avogada do asasino José Enrique Abuín, alias ‘El Chicle, recorreu ante o TSXG a sentenza da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, que, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, o condenou como autor da morte de Diana Quer á pena de prisión permanente revisable e a dez anos de liberdade vixiada por cometer un asasinato con aleivosía, cometido para ocultar outro delito e subseguinte a un delito contra a liberdade sexual da vítima, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión.

Ademais, condenouno, como autor responsable dun delito de detención ilegal e dun delito de agresión sexual, en concurso medial, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión, á pena de catro anos de prisión e a cinco anos liberdade vixiada.

También te puede interesar