O Bloque Nacionalista Galego vén de informar que trasladará ao Comité Municipal de Seguimento da Covid 19 da proposta de que active a Oficina Municipal de Atención e Información ao Consumidor (OMIC) durante esta situación de emerxencia sanitaria.
O BNG demanda que a OMIC ‘monitorice’ a evolución dos prezos de produtos básicos e que habilite medios para asesorar telematicamente as veciñas e veciños de Vigo en cuestións como o dereito ao reembolso de servizos cancelados polo confinamento.
Aumento de prezos de produtos esesnciais
“Estamos recibindo indicios de incrementos de prezos en produtos esenciais, como alimentos e artigos de hixiene, o que pode poñer nunha situación moi complexa ás familias de menores recursos e empobrecidas”, explicou o concelleiro Xabier P. Igrexas.
Fronte ese risco, Igrexas avogou porque a OMIC realice un seguimento da evolución dos prezos para evitar situacións de abuso e dispor de información que poder facilitar á Xunta e ao Goberno español por se for preciso tomar medidas para asegurar o acceso de toda a poboación a este tipo de bens “indispensábeis”.
Aliás, Igrexas sostén que diante da desinformación e da confusión sobre os dereitos en materia de consumo no contexto deste confinamento, a OMIC debe tamén ofrecer “asesoramento e asistencia” a todas as viguesas e vigueses en cuestións como o dereito ao reembolso dos custos daqueles servizos e produtos cancelados pola crise sanitaria. “Falamos de cuestións como as cotas de ximnasio, entradas a espectáculos ou cursos formativos en modalidade presencial”, exemplificou.