A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou este mércores que a administración provincial e o sector privado seguen a traballar na aposta polo turismo a medio e longo prazo para “saír reforzados unha vez que se poida superar a pandemia polo COVID-19”.
Na xornada en que comezaban as vacacións de Semana Santa, paralizadas polo coronavirus, Carmela Silva quixo lanzar unha mensaxe especialmente ás e aos visitantes de proximidade de Galicia e España, e tamén de Portugal, para que viaxen “mañá” ás Rías Baixas e “para dicirlles que aquí na provincia de Pontevedra estamos traballando, tanto as administracións publicas como o sector, para manter a excelencia e a calidade e para reforzar a nosa marca de destino. Porque nesta provincia temos todo o que a xente vai demandar cando se supere esta situación”.
Silva subliñou que, unha vez levantado o confinamento, as persoas “van precisar e van desexar turismo de saúde,
turismo de natureza e de reencontrarse cun mesmo”. “Esa era a campaña que nós tiñamos establecida para este ano con ‘Sigue o teu instinto’ e temos agora nas redes sociais con ‘Viaxa mañá –explicou-. Nós podemos ofertar iso que a
xente vai desexar mañá. Polo tanto, primeiro temos que facer unha análise rigorosa de que vai a acontecer e poñer medidas para responder a curto, pero tamén ao medio prazo e ao longo prazo”.
Neste senso, manifestou que “todo vai cambiar despois deste COVID-19, desta pandemia global” e que a administración e o sector “temos que anticiparnos para ir deseñando unha marca que dea seguridade”. “Que a xente -avanzou-
que vén a provincia saiba que vai haber seguridade, vai haber medidas de protección e que imos darlle todo iso que precisa. Estamos desexando poder camiñar por rutas, poder ir en bicicleta por paisaxes marabillosas. E estamos
desexando desfrutar dun turismo de calidade cunha hostalería que ten un altísimo nivel na nosa provincia. Iso é o que vai demandar á xente e nós, o temos”.
Silva reiterou a súa petición ao conselleiro de Turismo da Xunta, Román Rodríguez, para que convoque a todos os destinos galegos a un encontro para definir o futuro próximo e subliñou que amais das axudas que vai precisar o
sector tanto da administración autonómica como estatal, que chegarán, “hai que deseñar cal é o modelo que imos implementar para que nos convertamos aínda máis nun destino de referencia, baseado na excelencia e na calidade”.