A Deputación de Pontevedra convértese nunha das primeiras administracións provinciais do estado en encargar un estudo de análise sobre o impacto da pandemia do Covid19 no turismo, a fin de ter un “diagnóstico rigoroso con
tendencias e datos”, que permitan avaliar a situación con seguridade e certeza a fin de tomar as mellores decisións “para un sector que posiblemente foi o primeiro en sufrir as consecuencias da crise e que pode ser dos últimos en saír
dela”.
Carmela Silva, deu conta este luns deste exhaustivo estudo de análise na reunión do Comité de Seguimento do COVID19, unha diagnose que estará finalizada este mes “e do que disporemos xa nos primeiros días de maio. Queremos coñecer, engadiu, as tendencias de por onde vai ir o turismo no corto e no medio prazo para poder traballar o antes posible en reorientar o noso modelo para a provincia”.
Silva tamén informou da inminente elaboración dun novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra. “Estaba previsto en 2021, porque o plan que temos en vigor remata aínda no próximo decembro, pero temos que anticiparnos para desenvolver accións que nos permitan enfrontar o que, sen dúbida, será unha nova realidade”.