Permite regresar a la AP-9 o entrar en Vigo, si el aparcamiento está completo
Leer más
Baixa un 77% a asistencia a Urxencias de Pediatría do Cunqueiro no que vai deste mes
A frecuentación da poboación infantil ás Urxencias pediátricas do Hospital Álvaro Cunqueiro ten diminuído de xeito moi significativo nas últimas semanas. Así, mentres que en marzo do pasado ano contabilizáronse 3.626 atencións a menores de 15 anos, no mesmo mes deste ano rexistráronse 1.825, un 49% menos.
Máis chamativos aínda son os datos referidos a este mes de abril. A comparativa destes primeiros 19 días reflicte que en 2019 se atenderon 2.128 urxencias, mentres que este ano soamente 488, un 77% de pacientes menos. Isto é, a media diaria de urxencias atendidas no que vai de mes é de 26 pacientes fronte aos 112 do mesmo período do ano anterior.
Segundo os especialistas, as causas que explican esta diminución serían, en primeiro lugar, a paralización das actividades escolares presenciais, xa que ao estar as garderías e centros educativos pechados, diminúen os contaxios das infeccións respiratorias entre os nenos e nenas. Outra das causas está relacionada co confinamento, que suspende as actividades no exterior, polo que diminúen tamén os accidentes propios dos xogos nos parques infantís ou nas rúas.
Sen embargo, segundo explica a pediatra do servizo de Urxencias, Reyes Novoa, “tamén estamos detectando que algúns pais e nais presentan certo rexeitamento a achegarse ás Urxencias hospitalarias por medo a saír de casa e a exporse ao virus e contaxiarse. Ás veces, cando deciden vir, xa chegan con cadros evolucionados e incluso graves. Temos atendido apendicites moi evolucionadas e fracturas de brazos e pernas con tempo de evolución… hai tanto medo que incluso hai pais que dubidan se teñen que achegarse as Urxencias en caso de atragantamento tralo que se produce dificultade respiratoria, cando en situación normais ninguén dubidaría en saír correndo ao hospital”.
A doutora Novoa recomenda a poboación que utilice os servizos e recursos asistencias que sexan necesarios, xa que tanto os pediatras de Atención Primaria como de Urxencias están a súa disposición. Neste senso reitera unha mensaxe de confianza “aínda que o risco zero non existe, xa que empeza no mesmo momento en que saes da casa, as Urxencias pediátricas do hospital son seguras; dispóñemos duns circuítos específicos e diferenciados para a asistencia pediátrica que nos permiten garantir a calidade e seguridade da atención”.
Urxencias pediátricas diferenciadas
No marco do Plan de Continxencia que a Área Sanitaria de Vigo ten deseñado para a atención aos pacientes con patoloxía relacionada co COVID-19, o servizo de Urxencias de pediatría tamén experimentou unha reordenación espacial e asistencial .
Así, quedou delimitada aínda máis a área de atención infantil, habilitándose un posto de Admisión de Urxencias pediátricas –propias e independente da de adultos-; un Posto de Triaxe e unha sala de espera para nenos. A porta de acceso exterior é diferente á que víñase utilizando habitualmente para entrar nas Urxencias pediátricas. O obxectivo é evitar calquera tipo de contacto entre os pacientes pediátricos e os adultos.
No referido a reorganización asistencial, establecéronse dous circuítos de atención, un para a atención dos menores con patoloxías respiratorias, e outro para a o resto de patoloxías.
42.700 casos ao ano
O pasado ano, os profesionais deste servizo atenderon 42.727 pacientes menores de 15 anos. Esta cifra reflicte unha actividade media diaria de 119 atencións, aínda que as estatísticas demostran que non todos os días da semana teñen o mesmo número de casos, sendo os domingos os días de maior afluencia de pacientes.