A Xunta de Galicia vén de dar orde este mércores dun novo envío de material de protección fronte á COVID-19 con destino aos concellos galegos. No caso concreto do Concello de Vigo a partida inclúe 30.984 máscaras, 52.500 luvas e 123 traxes antisalpicaduras.
Onte mesmo, o alcalde asegurou na ‘rolda de prensa on line’ que convoca cada día que “Vigo non recibiu nin unha mascarilla da Xunta”, un dato que desmenten dende o Goberno galego desde donde se indica que foron entregados ao Concello de Vigo en conxunto 83.972 unidades de material de protección desde o inicio da crise sanitaria para os servizos municipais que presta. En total foron 30.984 máscaras, 52.500 luvas e 492 traxes, enviados en tres entregas realizadas os días 2, 3 e este 22 de abril.
Un material que, segundo a información facilitada polas propias cidades e concellos está sendo destinado para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar, e servizos básicos de Protección Civil, Policía Local ou transporte público. Entre as partidas enviadas inclúense asemade botes de xel hidroalcohólico, garrafas de desinfectante e unidades de lixivia.
Prioridade concellos pequenos
Cómpre lembrar que nun primeiro momento, o Goberno repartiu material de protección ao 100% dos concellos da área viguesa priorizando ao inicio aos concellos pequenos e medianos e ampliando, posteriormente, as entregas ás cidades. A Xunta está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación e a petición da Federación Galega de Municipios e Provincias.
En perfectas condicións de uso
A Administración autonómica reitera que todo o material entregado, cumpre estritamente co procedemento do Ministerio de Sanidade con respecto ao seu uso, foi inspeccionado e está en perfectas condicións para poder ser usado.
Pola contra, Abel Caballero repetiu en distintas ocasións que as mascarillas que enviara a Xunta-14.000 en total- caducaran en 2014.
Dende a Xunta responden que no documento “Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-COV-2”, versión de 30 de marzo de 2020, coordinado pola Subdirección xeral de Sanidade Ambiental e Saúde Laboral, da Dirección xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, e no que colaboran distintos organismos, se indica a posibilidade de utilizar material fóra da vida útil recomendada polo fabricante, se ben tras unha inspección visual, como así se fixo.