Galicia Vigo al minuto

@bngvigo demanda á Xunta medidas de prevención no Centro de Persoas Dependentes do Meixoeiro

O Bloque Nacionalista Galego demandou hoxe que se alarguen as medidas preventivas no Complexo Residencial de Persoas Dependentes do Meixoeiro así como que se garanta o acceso áxil e completo a información médica ás familias das e dos residentes. Así llelo trasladarán por escrito á Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, segundo anunciou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

Igrexas advertiu da necesidade de que a Xunta actúe nesta dotación pública para redobrar esforzos de cara a garantir as máximas condicións preventivas, atendendo que as persoas residentes son un colectivo de alto risco fronte a Covid19. Neste sentido, demandou que se entreguen EPIs a todo o persoal.

“Temos constancia de que neste momento só o persoal que atende os 18 casos confirmados de coronavirus, nunha unidade separada, dispoñen de equipos de protección. O resto de persoal está a ter que fabricarse con bolsas plásticas do lixo a protección da súa uniformidade”, alertou nun momento no que se están a efectuar novos test entre as traballadoras e traballadores para determinar se hai contaxios.

Por outra parte, o portavoz municipal do Bloque, fíxose eco do reclamo das familias de persoas residentes no Meixoeiro que demandan información médica áxil e completa. “Non é aceptábel que agora, en medio dunha crise sanitaria, se teña menos información e de peor calidade que antes do inicio da pandemia”, valorou Igrexas. No concreto, pediu que se faga entrega por escrito ás familias dos resultados dos test da Covid19 que se lle practican ás persoas residentes. “Non pode ser que a única información sexa a comunicación telefónica do resultado. Teñen dereito a recibilo de maneira documentada e rigorosa”, acrecentou.

You may also like