'Qué te cuentas?' Comarcas

@AsNevesConcello facilita que todas as alumnas e alumnos teñan xa o seu material escolar na casa

Todas as alumnas e alumnos dos CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das dúas Escolas de Educación Infantil das Neves, as de Taboexa e Rubiós, teñen xa a totalidade do seu material escolar na casa. Dende o Concello, coa axuda dos profesores, da dirección dos centros e de membros da Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), entregáronse os libros e o resto dos efectos que deixaran os estudantes nas aulas.

Mascarillas para cada un dos estudantes

Para poder chegar ás 143 familias de alumnos do CEIP e ás 28 das Escolas Infantís-14 de cada unha delas– os membros de cada centro recolleron o material de cada estudante o meteron en bolsas de tea entregadas polo Concello e traballadores municipais- en moitos casos a concelleira de Educación e o propio alcalde- levaron o mesmo a cada casa, realizando un reparto organizado por parroquias e incluíndo unha mascarilla para cada unha das rapazas e rapaces.

Entrega de ordenadores

Do mesmo xeito, o mesmo servizo do Concello serviu para facer chegar a varios estudantes do Instituto Pazo da Mercé os ordenadores cedidos en préstamo pola Consellería de Educación ou polo propio centro. En todos os casos-dende Educación Infantil, ata Bacharelato- o obxectivo é o de facilitar que as alumnas e alumnos poidan seguir co estudo das materias e cumprir co temario deste curso.

Apoio telefónico

Nesta mesma liña, a Concellería de Educación impulsa, tanto no caso do CEIP Marquesa do Pazo, como no do IES Pazo da Mercé, o “seguimento” por parte dun psicólogo de ACEESCA, contratado polo Concello, a familias de alumnos con problemas, de xeito que se lles poida facilitar o “apoio” que precisen ante esta situación nova creada pola crise sanitaria.

Por último, esta mesma semana, o Concello rematará coa limpeza, hixienización e desinfección de cada un dos centros educativos das Neves. Este proceso se repetirá antes da volta das alumnas e alumnos.

También te puede interesar