A Deputación de Pontevedra vén de ofrecerse aos concellos da provincia para asesorar como recuperar espazos públicos de maneira urxente e efémera co fin de dar garantías de distanciamento físico á cidadanía nestes momentos da crise da COVID-19. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez lembra que o seu departamento defende a necesidade de recuperar o espazo público de maneira estable e a longo prazo, mais subliña que a día de hoxe son necesarias algunhas actuacións inmediatas para que as persoas dispoñan de máis amplitude nos lugares e vías polas que transitan, motivo polo que pon a disposición dos municipios todo o persoal técnico provincial experto neste ámbito.
🏙️ O espazo público é un dereito das persoas.
Desde a @depo_es, agora máis que nunca, traballaremos para recuperalo, para que as persoas sexan o primeiro. pic.twitter.com/O3B2SMZlBy
— Deputación Pontevedra (@depo_es) May 2, 2020
Segundo explica o deputado de Mobilidade, a situación de emerxencia sanitaria fixo que a cidadanía e os gobernos locais se decatasen da importancia de que as rúas, as prazas, e en xeral todo o espazo público teñan ás persoas como prioridade fronte á circulación rodada, con elementos e dimensións correctos para o tránsito peonil seguro e confortable. “O espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva. Cando o perdemos… e hoxe que comezamos a recuperalo na ‘desescalada’, é cando o valoramos”, subliña.