A Xunta reclama ao Goberno do Estado que toda Galicia pase á ‘fase 1’ do proceso de ‘desescalada’ o vindeiro luns, día 11 de maio, dada a actual “situación de baixa incidencia” do coronavirus. Isto foi o que declarou onte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña para quen a infección está “controlada” en Galicia.
O conselleiro asegurou que nos últimos 14 días non houbo ningún caso de transmisión comunitaria en 196 concellos-dos 313 de Galicia- e en 190 deles non se rexistrou caso algún de Covid-19.
Á vista deste feito a Xunta pide ao Goberno do Estado que se permita á cidadanía moverse por toda Galicia, sexa cal sexa a unidade territorial que fixe o Ministerio de Sanidade, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estima que debe ser a área sanitaria, non a provincia como anunciara o presidente Sánchez.