Comarcas Vigo al minuto

Arranca en Instagram a escrita da novela ‘Caramomia’

Coa presentación do primeiro dos seus catro personaxes principais, Roque, arrancou este luns na rede Instagram a novela “Caramomia”, a nova iniciativa cultural que promove a Deputación de Pontevedra e que busca implicar á mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de
misterio.

Trátase dun proxecto que está asinado a Oito Mans por dúas e dous dos autores máis recoñecidos da comunidade, Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López) e que se pode ler tamén na propia web da Deputación de Pontevedra.

A historia de “Caramomia”, que vai dirixida á mocidade a partir dos 10 anos, foi ideada por estes catro creadores nestes días de confinamento e a ficción transcorre tamén na corentena. Está protagonizada por catro rapaces, Roque, Brando, Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa peza do museo.

As sospeitas das crianzas xiran en torno á “Caramomia”, para eles unha señora pouco recomendable á que cómpre vixiar moi de preto. Por iso emprenderán unha investigación na que non só van ser eles os protagonistas, senón que tamén o serán os lectores e lectoras da novela, xa que eles poderán decidir como queren que avance a trama e as accións dos personaxes.

Así, despois dos catro primeiros capítulos (amais dos luns publicaranse o mércores, o venres e o sábado), que servirán para a presentación dos protagonistas e da trama, a partir da semana que ven ao final de cada entrega establecerase, como explicou a autora Ledicia Costas, un sistema de votacións no que se darán opcións para que os e as lectoras decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio.

Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico traballarán en equipo e iranse repartindo a escrita dos 24 capítulos desta novela interactiva nun reto que eles definiron na presentación de Oito Mans como “unha aventura” e, ao mesmo tempo, subliñaron que a proposta lles serviu para reinventarse trala situación de confinamento que detivo todas as axendas culturais.

Carmela Silva anunciou tamén na presentación do proxecto que, unha vez rematada a súa publicación virtual, a idea é que a institución provincial edite en formato papel esta obra.

También te puede interesar