As alcaldesas e alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda mantiveron unha nova reunión virtual esta semana no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para analizar o efecto que ten nestes catro municipios o peche das fronteiras entre España e Portugal, concellos cun alto número de traballadoras e traballadores que cada día deben cruzar o Miño para acudir ao seu posto no país veciño.
As rexedoras e rexedores da Mancomunidade reclaman a apertura de novos pasos fronteirizos para as e os empregados como medida de alivio, permanecendo pechadas á libre circulación de persoas.
Avogan por esta medida como unha mellora das condicións de todos aqueles traballadores e traballadoras que sofren por partida dobre a pandemia ao vivir e traballar nun dos territorios transfronteirizos máis interrelacionados e economicamente máis dinámicos de toda Europa, xa que asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas entre España e Portugal.
A situación actual que están a vivir moitos veciños e veciñas é complicada, con longas colas para poder cruzar a fronteira cada día e con percorridos de máis de 60 quilómetros entre ida e volta para poder chegar as empresas ou polígonos que antes do estado de alarma e emerxencia en España e Portugal estaban a escasa distancia dos seus domicilios. Incremento de molestias, tempo de desprazamento e tamén custes que “en moitos casos son inasumibles cuns salarios que en moitos casos son baixos”.
As alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade están convencidos da necesidade de abrir novos pasos fronteirizos a traballadores e traballadoras, aínda que sempre baixo os máis estritos medios de control e seguridade, mantendo o operativo que xa se está a desenvolver no paso de Tui-Valença dende o inicio da crise sanitaria, “garantindo así a seguridade da poboación e evitando un paso atrás que nos leve de novo a medidas de confinamento”.