A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia a precaria situación na que se atopa o centro de saúde do concello. A falta de persoal fai que na actualidade a demora nas citas de atención primaria están a ser dunha media de 20 días.
Nunha reunión para analizar a situación, representantes do Concello, da sanidade pública e de asociacións veciñais, sinalaron as carencias do centro de saúde.
Só tres médicos
Hoxe o mesmo conta con só tres médicos, cando, coas ratios de pacientes recomendadas pola OMS, debería dispoñer de polo menos catro.
Se esta situación xa xera problemas, durante o verán veranse agravados trala decisión da Consellería de Sanidade de non cubrir as vacacións do persoal, polo que o centro quedará atendido unicamente por dous médicos.
Reunión entre a alcaldesa e o concelleiro de Sanidade
Para tentar buscar solucións, a Plataforma enviará unha solicitude á Sanidade sinalando as carencias que está a sufrir o Centro de Saúde. Ademáis pedirase unha reunión entre a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña.
No caso de non obter resposta nin solución, a Plataforma convocará concentracións e mobilizacións semanais diante do Centro de Saúde.