O Pleno do Concello das Neves aprobou este martes, por unanimidade dos seus 11 concelleiros, integrantes dos grupos municipais do Partido Popular, BNG, PSdG-PSOE e concelleiro non adscrito, instar a ABANCA á eliminación das ‘comisións abusivas‘ e á devolución das xa efectuadas. A Corporación fixo extensiva esta solicitude a “todas as entidades bancarias con implantación no noso territorio”.
Derogación da ‘Lei Montoro’
Así mesmo, cos votos a favor dos concelleiros do equipo de Goberno (BNG-PSdG-PSOE), a abstención do concelleiro non adscrito e o voto en contra dos concelleiros do Partido Popular, se insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para esixir a derrogación da ‘Lei de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira’, Lei Orgánica de 2/2012, de 27 de abril, a popularmente coñecida coma ‘Lei Montoro’.
A Corporación das Neves entende que nesta situación de “grave crise”, é necesario poder destinar os recursos dos Concellos a “políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica”.
Plan Galego de Reactivación Económica
Co apoio das concelleiras e concelleiros do BNG e PSdG-PSOE, a abstención do concelleiro non adscrito, e o voto en contra do PP, o Pleno do Concello das Neves, insta á Xunta de Galicia a iniciar a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais. Este plan debe delimitar claramente as competencias das distintas administracións, para evitar duplicidades e baleiros no emprego dos recursos públicos.
Ademais, pídese ao Goberno de Galicia a elaborar con urxencia dun plan galego de axudas, que complemente as medidas do Estado, a autónomos e Pequenas e Medianas Empresas (PEMES).
A Corporación nevense instou á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e á Xunta de Galiza a esixir a derrogación da Lei Montoro para permitir que os concellos poidan desenvolver toda a súa capacidade de investimento e gasto.
Por último, o Pleno manifestou a “firme oposición da Corporación municipal a calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais”.