A candidata á Presidencia do Goberno de Galicia polo BNG, Ana Pontón, pediu desde Vigo votar o 12 de xullo “con ilusión, con esperanza e desde o orgullo”.
Nun mitin multitudinario, Pontón salientou que imos rachar coa rutina para deixar atrás once anos de inmobilismo e decadencia. “Este domingo Galiza vai facer historia da man do BNG”.
A candidata do Bloque apelou a unha mobilización masiva na urnas concentrado na candidatura que lidera o voto do cambio galego, “o voto nacionalista, galeguista, progresista, todo o voto de país”.
Por primeira vez unha muller á fronte do país
“Se toda as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable”, clamou a candidata. “Conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia. Imos dar a sorpresa o domingo día 12 de xullo”.
Chamamento a “conquistar o futuro”
Pontón fixo un chamamento a “conquistar o futuro, porque non podemos deixar que nolo sigan roubando”. Para iso urxe contar na Xunta cun goberno liderado polo BNG “que se faga valer, que mire polo noso, que en Vigo chámase sector da automoción, naval, sector pesqueiro”.
As persoas no centro da actuación política
A candidata do BNG adiantou que o seu será o goberno da “igualdade real” para as mulleres e que colocará “ás persoas no centro da actuación política”. Iso implica unha defensa a ultranza dos servizos públicos, traballando desde o primeiro día para reverter recortes e
privatizacións.
Dende o 12 de xullo “imos erguer este país, imos construír unha Galiza nova e eu quero ser a presidenta desa nova Galiza”. Ana Pontón asegurou que “tendes o meu compromiso de que un Goberno do BNG non lle vai fallar a Vigo e non lle vai fallar a este país”.
Eleccións e Covid-19
Ana Pontón sinalou que este país non se merece un presidente “irresponsable” que actúa con “calculo electoralista” mesmo poñendo en risco a saúde das persoas como está pasando co rebrote da Mariña.
“Feixóo estase comportando como un candidato irresponsable ao que non lle importa nada a veciñanza da Mariña, nin lle importa garantir o seu dereito a saúde, nin tampouco lle importa garantir o seu dereito a votar”, criticou.
“Estou segura que tanta irresponsabilidade e tanta mentira van recibir a resposta que se merece na urnas, empezando pola propia comarca da Mariña”.
Mensaxe á xente moza e ás persoas indecisas
A tres días da cita electoral, Pontón pediu un esforzo final, en particular á xente moza, –“antes de anda votar, despois xa iredes a praia ou ao que toque”. Ademáis, fixo un chamamento especial aspersoas que aínda non teñen decidido o seu sufraxio ou que dubidan acudir ás urnas. “Que ningún voto do cambio galego quede na casa, que non se perda ningún voto do cambio real“.
“É o momento de votar co corazón, con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12 de xullo empezar a poñer unha nova Galiza en marcha!”