A transformación da estrada do Porto, en Beade avanza. A presidenta da Deputación e o alcalde visitaron este martes as obras de mellora da EP-2001, “que é unha demanda histórica da veciñanza”.
Este vial soporta un importante volume de tráfico nunha contorna cunha forte densidade de poboación, sen servizos e cunha absoluta carencia de espazos para a circulación peonil.
A actuación, “unha das principais obras da Deputación para este mandato”, se está a realizar nun tramo cunha lonxitude de 1.255 metros que vai do número 77 da estrada do Porto ao lavadoiro de Quintián, en Beade. As obras inclúen a pavimentación completa de toda a estrada, que pasará de non dispor de beiravías a gozar dun ancho mínimo de 12 metros en todo o percorrido, chegando ata os 16 metros no núcleo de Quintián. Para elo foron necesarias as cesións de terreos por parte da veciñanza e a construción de numerosos muros de contención.
Beirarrúas aos dous lados
Con esta nova sección xa é posible construír beirarrúas a ambos lados, executadas en formigón gris e embelecidas con tiras de granito. Estes espazos peonís gañados para a veciñanza e viandantes, incluíndo os ensanches en forma de praza, contarán con 142 árbores, 15 bancos, 15 papeleiras e 11 xardineiras, ademais de elementos biosaudables fronte ao xeriátrico para a práctica de exercizo físico.
Novas redes de abastecemento e saneamento
As obras abranguen a dotación de novas redes de abastecemento de auga, saneamento e pluviais. Tamén contará cunha nova rede de iluminación, con 60 farois con tecnoloxía led, e telecomunicacións, posibilitando así o acceso á Internet de banda ancha.
Carmela Silva lembrou que a Deputación ten en marcha nestes intres un total de 26 convenios de colaboración con concellos de toda a provincia para mellorar a seguridade viaria doutras tantas estradas provinciais.
Deste xeito, indicou, iremos corrixindo, de xeito progresivo, o abandono histórico e acumulado na Rede Provincial de Estradas.