A Área Sanitaria de Vigo vén de poñer en funcionamento o novo laboratorio de Microbioloxía. O mesmo traballará no sistema do procesamento agrupado de mostras-Pooling no cribado da Covid-19.
O presidente do Goberno de Galicia coñeceu as novas instalacións e mantivo unha xuntanza cos responsables deste proxecto.
Equipos robóticos integrados
O actual laboratorio, cuxas obras remataron esta semana, permite integrar nun único dispositivo todos os equipos robóticos deste procedemento . O mesmo está conformado por diferentes equipamentos: un módulo preanalítico que destapona, clasifica e rexistra a entrada da mostra, e garante que cumpra as condicións para analizar; 2 robots pipeteadores que actualmente agrupan 20 mostras nun mesmo tubo –-; 2 equipos de extracción que preparan a mostra e realizan a PCR; e 3 módulos termocicladores que ofrecen o resultado final do pool.
Pooling, ferramenta diagnóstica de gran eficacia
A Área Sanitaria de Vigo puxo en marcha, no pasado mes de maio e por primeira vez en España, a técnica pooling. A mesma permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns –agora realízase cunha vintena-, multiplicando a súa capacidade de avaliación.
Consiste en agrupar as mostras de 20 persoas diferentes e procesalas xuntas, como se fosen as dun só individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, infírese que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforraría o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais.
Se pola contra o resultado global é positivo, téñense que separar as mostras para volvelas procesar: ou dividindo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.
Controlar a circulación do virus en áreas estratéxicas
Este sistema é unha ferramenta diagnóstica de gran eficiencia que permite vixiar e controlar a circulación do virus en áreas estratéxicas. Isto é, en vez de esperar a que aparezan traballadores con síntomas, realízase unha acción proactiva de busca e identificación daqueles asintomáticos. Desdte xeito é posible controlar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade e garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante.
100.000 PCRs mensuais
Coa estrutura actual, este laboratorio ten capacidade para procesar 100.000 mostras mensuais. Nesta actividade priorízase o cribado quincenal dos preto de 7.000 traballadores da Área Sanitaria de Vigo (14.000 ao mes) e o cribado quincenal dos 15.000 traballadores das residencias sociosanitarias de Galicia (30.000 ao mes). E o resto (56.000) utilizarse no cribado dos colectivos dos sectores industriais.