A asociación Ecoloxistas en Acción vén de presentar alegacións ao ‘plan especial’ para as instalacións deportivas do Celta nos montes comunais de Mos.
O plan non é viable xurídicamente
Para os ecoloxistas, o plan non é viable, nin por razóns xurídicas, nin por razóns ambientais. “Tampouco por razóns de oportunidade desde o punto de vista do interese público”, sinalan dende a ONG. Por todo iso, solicita que se denegue a súa aprobación definitiva, arquivando por tanto o procedemento administrativo iniciado.
Recalificar monte comunal cando non hai demanda social
A organización ecoloxista denuncia a intención de recalificar monte comunal cando non existe demanda social das instalacións deportivas que, subliñan, “non estarán destinadas a uso ou servizo público ou do común dos cidadáns. Só satisfacer os desexos dunha sociedade mercantil”.
“Clara fraude de lei”
Ecoloxistas en Acción entende que os campos de fútbol “son un cabalo de Troia para implementar usos comerciais e terciarios nun solo rústico de especial protección”. En clara fraude de lei, pois forma parte dunha actuación moito máis ampla, que ao día da data carece por completo de cobertura xurídica.
Proba diso, engaden dende a ONG, é que o dimensionamiento plan especial de infraestruturas e dotacións para instalacións deportivas é moi superior ás necesidades reais da actuación: uns campos de adestramento ao aire libre, e as instalacións complementarias imprescindibles para desenvolver a actividade deportiva.