Comarcas

Bicicletas para unir máis a Galicia e Portugal

as
Eurocidades do Miño dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira

O AECT Rio Minho presentou este martes o proxecto piloto para que as
Eurocidades do Miño dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas
eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira.

Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, trátase dunha iniciativa de ‘bike sharing’ pioneira na fronteira
ibérica.

Centrado nas tres eurocidades

Segundo explicou Benítez, este sistema de xestión compartida para
bicicletas eléctricas centrarase nos seis núcleos urbanos de elevada
mobilidade que son as tres eurocidades do Miño
, e estará ligado á rede
transfronteiriza de rutas, sendas e ecopistas do río Miño transfronteirizo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pola súa parte, subliñou que se trata dunha iniciativa “que nos sitúa como referencia das economías máis avanzadas e como modelo innovador ligado á sustentabilidade”.

Uso a través dunha APP

O deputado Uxío Benítez explicou que nun primeiro momento haberá 42
bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello
das Eurocidades.

Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro e utilizar esta tanto para recados da veciñanza como para circuítos de lecer. A vontade, indicou o nacionalista, é que despois do proxecto piloto, que comezará na primavera, se amplíe a iniciativa tanto en número de vehículos como en concellos implicados.

Tamén anunciou que se solicitarán máis fondos europeos para vindeiras convocatorias do Interreg.

Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará
permanentemente localizada
. As bases de recollida non disporán de
ancoraxes físicas físicas, senón que haberá espazos (a decidir polos
concellos) nos que estarán situadas para a súa utilización, podendo despois
deixalas noutros espazos simplemente cancelando a sesión de uso na APP,
co que as bicicletas quedarían bloqueadas.

También te puede interesar