A Xunta vén de intervir a residencia Domusvi Ribadumia, co fin de reforzar o persoal do centro. Unha vez avaliada a situación da residencia, as Consellerías de Sanidade e Política Social acordaron tomar esa medida co obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta proteción da saúde tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores do centro.
Un equipo de profesionais do Servizo Galego de Saúde está xa desprazado no centro. O mesmo ocúpase de facer un seguimento médico permanente sobre a situación dos residentes.
Segundo indica a Consellería de Sanidade, os profesionais do Sergas tamén velarán pola continuidade dunha atención sanitaria axeitada na residencia. A residencia xeriátrica Domusvi Ribadumia rexistra, a día de hoxe, 25 casos positivos de coronavirus: 20 entre os usuarios e 5 en traballadores.