O persoal da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela irá á folga indefinida, a partir do 16 de novembro, todos os luns de 8:00 horas a 8:00 horas do martes.
Imposbilidade de dar unha asistencia de calidade aos pacientes
Esta protesta anunciouse este xoves, ao remate dunha concentración convocada para denunciar as deficiencias da unidade e as súas condicións de traballo.
A decisión foi adoptada polo persoal o pasado día 26 de outubro pola imposibilidade de chegar a acordos coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. As diferencias débense ás medidas de carácter organizativo e preventivas dos profesionais desta unidade e de referencia para enfermos COVID-19, o que conleva a imposibilidade de dar unha asistencia sanitaria de calidade.
Os profesionais acusan a esta Xerencia de “insensibilidade” por non ter acometido as reformas comprometidas en xuño deste mesmo ano. As mesmas debían estar rematadas xa en setembro, para solventar as
deficiencias estruturais desta unidade.
Falta de medidas organizativas e preventivas
A folga tamén está convocada “pola falta de medidas organizativas e
preventivas”, limitando ao mínimo posible o número de traballadoras e traballadores e o tempo de exposición ao coronavirus.
Esgotamento físico e psíquico
Para os traballadores, a posta en marcha destas medidas é necesario para previr un aumento de baixas por Incapacidade Temporal, e “polo
esgotamento tanto físico como psíquico que padece o persoal”.
Neste sentido alertan da “falta de condicións de traballo dignas“, para non estar a quendas de 7 ou 10 horas diarias sen descanso e “mesmo obrigando a dobrar quendas e co mesmo EPI e uniforme”.
Falta de probas, imposibilidade de conciliar vida laboral e familiar
Responsabilizan ademais á Xerencia da imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar pola preocupación ao contaxio, dos efectos psicosociais ou mesmo síndrome de Burnout, ante a falta de test e probas aos profesionais, incumprindo o requirimento da Inspección de Traballo.
Falla plan prevención de riscos
O persoal da UCI denuncia a falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo.
Xunto a isto poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPIs para adquirir soltura e seguranza na UCI-A e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais.