Destacados Vigo al minuto

A Deputación inviste 8 millóns en infraestruturas, cultura e colaboración cos concellos

Tamén cambia o modelo de transferencias do ORAL o que o suporá 4 millóns de euros máis para os concellos, e incrementa ata os 75 millóns os anticipos de caixa do servizo

A Deputación aprobou destinar un volume de 8 millóns de euros en investimentos nos eidos das infraestruturas, a cultura e a colaboración cos concellos.

Para a presidenta do organismo provincial, trátase dun “novo impulso para continuar a impulsar a transformación desta provincia”

7 millóns para a mellora da seguridade nas estradas provinciais

Carmela Silva salientou que 7 millóns de euros corresponden a “un paquete
importantísimo” para o desenvolvemento do modelo de seguridade viaria nas 377 estradas provinciais, que abranguen 1.700 quilómetros.

Móvese 3


O Plan Móvese 3, para a construción de elementos de seguridade viaria nos dous próximos anos nas estradas provinciais mobiliza 2.658.000€.

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación que fará posible a execución de 478 obras de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade en 54 concellos,

Carmela Silva recalcou que, por primeira vez, a Deputación fixo un estudo de campo de tódolos pasos de peóns na rede provincial de estradas.
Froito deste estudo, o ‘Móvese 3’ chega coa novidade de que os técnicos provinciais decidirán directamente o 48% das actuacións e non se limitarán a executar as que soliciten os concellos.

A presidenta explicou que sumando as obras dos plans Móvese 1 (636) e Móvese 2 (354) chegarase ás 1.740 obras puntuais de seguridade viaria,
completando tódalas estradas e un investimento acumulado de 7,2 millóns de euros nos tres plans.

Mantemento das estradas provinciais

A Xunta de Goberno tamén adxudicou os lotes correspondentes ás zonas Norte e Centro para o mantemento e atención a incidencias na rede provincial de Estradas.

O investimento provincial alcanzará os 3,2 millóns de euros, que se reparten entre os 1,5 millóns da zona Norte (Silleda, A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Caldas de Reis, Cuntis, Valga, Pontecesures e Catoira), outros 800.000€ para a zona centro (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Pazos de Borbén, Fornelos, Redondela e Soutomaior) e outros 900.000€ para a zona Sur, que quedou pendente de adxudicar por trámites administrativos (Salceda de Caselas, Tui, Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente).

Convenios
Outro dos acordos ten que ver cos convenios para a mellora da seguridade viaria e construción de infraestruturas peonís cos concellos de O Rosal e Meaño, cun valor de 1,1 millóns de euros “con dous proxectos ambiciosísimos”, explicou a presidenta.

Administración electrónica
Outro dos acordos ten que ver coa adxudicación do contrato-ponte para o soporte da Administración electrónica das entidades locais da provincia que están adheridas a este servizo e que ten un orzamento de 234.246€, para que poidan continuar prestando este servizo á cidadanía ata a adxudicación do contrato definitivo, que terá un importe duns 500.000€.

Escolas de Música
No marco da cultura e da promoción da educación musical, a Deputación aprobou subvencións ás escolas de música de Asociacións sen ánimo de lucro da provincia. En total, vanse destinar 80.000€ a 20 escolas (3 máis que o ano pasado) de entidades de 15 concellos da provincia (4 máis que o ano pasado).

ORAL
Por outra banda, Carmela Silva anunciou cambios no Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para poñer 4 millóns de euros adicionais ao dispor dos concellos a partir do próximo 1 de xaneiro, de xeito que poidan incorporalos aos seus Orzamentos para 2021.

A novidade é que 15 concellos disporán de entre 100.000 e 600.000€ “cos
que non contaban”
e o resto recibirán achegas de entre 15.000 e 75.000€
segundo os casos.

O ORAL dará tamén un paso adiante nos anticipos a conta que a Deputación ofrece aos concellos en base á súa recadación tributaria estimada. A presidenta anunciou que o próximo ano os anticipos chegarán ata os 75 millóns de euros, o que supón uns 12 millóns de euros máis sobre os 63 millóns dos anticipos deste ano “e facémolo porque
sabemos que os concellos precisan de recursos por anticipado para poder responder con axilidade ás demandas da súa cidadanía”
.

También te puede interesar