A Área sanitaria de Vigo ven de por en marcha unha nova Unidade de hospitalización para pacientes con Covid-19.
Trátase da Unidade de Coidados Respiratorios Intermedios-UCRI, emprazada na Vela 3D. É unha área de monitorización e tratamento con soporte respiratorio non invasivo, de pacientes con insuficiencia respiratoria aguda, ocasionada polo Covid-19, e cun nivel de gravidade intermedio.
Ingresados xa 4 pacientes que precisan coidados complexos
Son pacientes que necesitan de coidados máis específicos e complexos que os da hospitalización convencional, pero sen chegar aos niveis de tecnificación dos ofertados nas Unidades de Coidados Críticos. No momento actual, nesta nova Unidade hai 4 pacientes ingresados.
Segundo explica a coordinadora da Unidade, a pneumóloga Mar Mosteiro “se ben estas terapias xa se estaban implementando aos pacientes que o precisaban, a creación dunha Unidade específica permite unha organización máis óptima dos coidados e da xestión das camas, e supuxo un gran esforzo de reordenamento por parte da dirección de enfermería”.
Sen intubación endotraqueal
Na UCRI préstase un nivel de coidados intermedios, e os pacientes ingresados benefícianse dun soporte respiratorio non invasivo. A doutora Mosteiro asegura que, “a diferencia das Unidades de Críticos, non se realiza intubación endotraqueal ou outras técnicas invasivas de intercambio gaseoso, sendo estes procesos agresivos e asociados a moitas complicacións, longa estancia, e tamén mortalidades, polo que constitúe a última indicación terapéutica naqueles pacientes con gran compromiso vital”.
As técnicas respiratorias empregadas son a Osixenoterapia de alto fluxo e a Ventilación mecánica non invasiva a través de máscaras faciais. Ámbalas dúas precisan de estreita monitorización e persoal ben adestrado, tanto médico como de enfermaría.
Protocolo e equipo específico de enfermaría
A Unidade é atendida por especialistas de Pneumoloxía, en cooperación cos outros facultativos que forman parte do equipo Covid: internistas, infectólogos e médicos doutras especialidades.
Conta con 10 camas cunha monitorización integral, e un protocolo de actuación específico. Dispón de persoal de enfermaría propio, experto no manexo de técnicas respiratorias, na monitorización e coidados do paciente respiratorio.
Evitar ingresos na UCI e tratar a pacientes aínda contaxiosos
Este novo servizo hospitalario ten dúas orientacións: o ingreso daqueles pacientes susceptibles de beneficiares destas terapias respiratorias, e que nalgúns casos evitarían os seus ingresos na UCI; e o tratamento dos pacientes aínda potencialmente contaxiosos, que unha vez superada a fase aguda da súa enfermidade na UCI, continúan requirindo de coidados especializados.
“Isto resulta de especial interese e de aí a gran importancia das UCRIs, xa que nos posibilitan dar de alta aos pacientes da UCI dun xeito máis précoz. Nesta situación de pandemia excepcional, numerosas experiencias reportadas e artígos científicos teñen demostrado a seguridade, utilidade e coste-efectividade destas Unidades na atención a pacientes con Covid-19 graves, e así o subliña a SEPAR (Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria) nun recente comunicado”.
Monitorización integral
As 10 camas da UCRI contan cun sistema de sistema de monitorización integral ou telemetría que permíte un control automatizado, continuado e permanente destes pacientes.
Este sistema informático posibilita o envío das constantes vitais da persoa ingresada desde a cabeceira da súa cama ata o Control de enfermaría a través duns dispositivos de recollida automática dos principais parámetros fisiolóxicos como son a actividade eléctrica cardíaca, a saturación de osíxeno, pulsacións e presión arterial.
Deste xeito, os profesionais sanitarios poden seguir no monitor a evolución das constantes vitais do paciente, sen necesidade de acudir á habitación, cunha inmediatez e fiabilidade absoluta. Ademais, queda rexistrada a serie histórica destes datos. Isto facilita os estudos clínicos e as conseguintes decisións terapéuticas.
O sistema leva incorporadas unha serie de alarmas que se activan no momento en que algunhas das constantes do paciente varían. Deste xeito que os profesionais achéganse inmediatamente á habitación do paciente para comprobar a incidencia rexistrada.