Área Sanitaria de Vigo impulsa novas iniciativas que permiten incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte á pandemia. Así, ven de por en marcha unha estratexia para realizar un cribado, mediante a realización da proba PCR, a 20.000 persoas asintomáticas e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.
Trátase dunha iniciativa para vixiar e frear a circulación do virus. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.
Participación voluntaria
Así, vaise invitar a participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 20 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos”Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.
Dependendo do volume de poboación que acepte realizarse a proba, e tendo en conta criterios de proximidade e accesibilidade, se decidirá o Punto de extracción da mostra. Poderán ser citados nos Covid-Auto do Meixoeiro ou do Álvaro Cunqueiro, ou nalgún outro tipo de instalación como pavillóns deportivos ou centros socioculturais.
2.000 persoas de Sárdoma esta fin se semana
Esa fin de semana xa están invitadas a realizarse o test diagnóstico 2000 persoas de referencia do centro de saúde de Sárdoma, que xa a partir de mañá, sábado, foron citados no Covid-Auto do hospital Meixoeiro. De seguido, vaise convocar á poboación seleccionada do centro de saúde de Lavadores, outras 2000 persoas.
Desde a xerencia da Área Sanitaria espérase acadar a máxima participación nesta iniciativa e apélase a solidariedade da poboación de Vigo para que aqueles que sexan invitados a participar, colaboren con esta medida, que pode resultar de gran impacto na loita contra o virus.
Cribado a traballadores de sectores sociais
Ademais, de xeito simultáneo estase realizando un cribado mediante PCR aos traballadores dos diferentes programas sociais dalgunhas ONGs e concellos da Área Sanitaria de Vigo.
Trátase de persoas que presentaban maior vulnerabilidade, con maior risco de contaxiarse de Covid-19 pola súa dedicación a unha actividade profesional ou social vinculada a traballos que esixen dun alto nivel de interrelacións persoais: persoal dos Programas de Servizo de Axuda ao fogar, da Infancia e Familia, Coidadores de Barrio e Persoal de Servizos Sociais Comunitarios Básicos.
Xa se realizaron probas a 800 traballadores municipais
Polo de agora, xa se realizaron a proba 800 traballadores dos concellos de Vigo, Porriño, Mos , Salvaterra, Crecente e Ponteareas. Nos próximos días se irá estendendo ao resto dos concellos da Área