Cultura Vigo al minuto

Concentracións de apoio ao Sáhara nas 7 cidades galegas

O vindeiro xoves, día 26 ás 19:30h.

Diante da “persistencia das agresións” do Reino de Marrocos contra a soberanía do Sáhara Occidental, a súa “intervención ilegal en Guerguerat” e, en consecuencia, a ruptura do alto o fogo asinado entre as dúas partes no ano 1991, e dada a pasividade para resolver o conflito por parte da ONU e o silenzo habitual do goberno de España, desde Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) e a Delegación Saharaui para Galicia, “vémonos na obriga de seguir mobilizando e facendo un chamamento á solidariedade co pobo saharaui e o seu lexítimo representante, o Frente Polisario”.

Violacións de dereitos humanos

Un pobo que “leva agardando pacíficamente durante anos o cumprimento dos acordos”, o paso da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO) polo seu territorio, que, no canto de levar a cabo a súa misión, “actuou como cómplice do estado agresor e ocupante”. Padecendo “constantes violacións dos dereitos humanos”, represión, detencións de presos políticos, torturados nos cárceres marroquís. “Vendo como os seus recursos son esquilmados por Marrocos e as compañías de occidente”, a pesar de que tribunais da propia Unión Europea teñen ditado sentenza en contra destas prácticas.

Convocar o Referendo de Autodeterminación

“Cremos que xa vai sendo hora de que se poña a solución definitiva a esta situación”, e iso pasa necesariamente por convocar xa o acordado Referéndum de Autodeterminación, que poida rematar coa definitiva independencia da República Arabe Saharaui Democrática (RASD).

A ONU, a Unión Europea e, por suposto, o Estado Español, deben actuar de inmediato, antes de que siga a medrar o conflito armado.

“Por todo isto, facemos un chamamento a todas as institucións, sindicatos, partidos políticos, organizacións sociais e á cidadanía de Galicia”, a participar nas concentracións de apoio que se celebrarán o vindeiro xoves, día 26 de novembro, ás 19:30 h. nas 7 grandes cidades de Galicia, nos seguintes lugares:
Vigo: Diante do Marco.
Pontevedra: Subdelegación do Goberno.
A Coruña: Subdelegación do Goberno.
Santiago de Compostela: Praza das Praterías.
Ferrol: Diante do Edificio da Xunta.
Ourense: Subdelegación do Goberno.
Lugo: Subdelegación do Goberno.

También te puede interesar