Marea de Vigo lembrou este xoves que os terreos que usaba o Celta na Madroa son propiedade da Comunidade de Montes de Teis. O seu voceiro sinala que así o estableceu unha sentenza xudicial.
Rubén Pérez indica que o Concello chegou a argumentar que “o zoo e o complexo deportivo da Madroa ocupaban harmónicamente os terrenos comunais”. Quedando sen uso co traslado do Celta a Mos, “o Concello debe abrir agora unha vía para garantir os dereitos dos comuneiros e o cumprimento da legalidade”.
Sentenza de 2015
No ano 2015 o xulgado declarou a improcedencia da expropiación dos terreos referidos. Dende entón a Comunidade de Montes agarda que o Concello negocie con eles o pago da expropiación ou outras fórmulas que permitan solventar a situación en beneficio dos dereitos dos e das comuneiras e do propio Concello.
Campos para o uso doutros deportes
Marea de Vigo considera que “ante o eventual desuso futuro das instalacións e dado o seu bo estado, o Concello debería imdemnizar á Comunidade de Montes, facerse coas instalacións e recorvertilas en espazos multideporte, non só para fútbol, que permitiran a súa utilización por parte de diferentes deportes federados ou afeccionados da cidade (rugby, beisbol,…)“, colectivos que actualmente demandan instalacións axeitadas para a práctica deportiva, estando actualmente algúns deles coma o Trasnos de Vigo de béisbol entrenando sempre fóra do municipio a pesar de ser equipos locais.