Comarcas

O Rosal continúa dando pasos cara a reforma do seu mercado municipal

O obxectivo é que sexá un centro de dinamización, fomentando o produto local de proximidade

O Rosal continúa dando pasos para a mellora da praza de abastos. Este xoves o Concello aprobaba en Pleno por unanimidade a nova ordenanza fiscal e reguladora do mercado.

“Unha reforma integral do mercado municipal require tamén unha actualización e ordenación da situación a nivel de funcionamento que reverterá nun maior beneficio social“, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Deste xeito, o pleno deu luz verde á modificación das taxas de ocupación e uso do mercado municipal de abastos, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022, e aprobou a ordenanza que regula a actividade comercial que se desenvolve na praza de abastos e a concesión da explotación dos distintos postos.

Centro de dinamización

Esta nova ordenanza recolle o espírito do mercado do Rosal, que se reformará integramente para convertelo en centro de dinamización económica e social do núcleo urbano, fomentando a compra de produto local de proximidade.

Este regulamento, que entrará en vigor aos 15 días da súa publicación no BOP, establecerá “un novo marco de relación entre o Concello e os titulares de todos os puntos de venda deste mercado municipal para facilitar a xestión deste servizo público en beneficio da veciñanza”, explicou a alcaldesa.

También te puede interesar