Marea de Vigo advirte de que “é ilegal que un empregado dunha empresa privada poida restrinxir, impedir ou coaccionar a ningún vigués ou viguesa para deambular polas rúas abertas ao uso público”.
Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal de Marea, subliña que “só un policía local, ou no seu caso policía nacional, poderá exercer estas funcións”, tal e como establece a lei.
Para Marea de Vigo, as funcións que implican o exercicio de autoridade e a salvagarda de intereses xerais do Estado ou das Administracións Públicas deben ser forzosamente ser realizadas por persoal público que, ademais, teñan a consideración de funcionarias e funcionarios de carreira “tal e como figura no estatuto básico do Empregado Público e na propia Lei reguladora de Bases de Réxime Local” engade o voceiro.
Mellor limitarse só a instalar as luces
Segundo Rubén Pérez, “o mellor tería sido non ter formulado nada relacionado coa participación de persoas e limitarse a instalar as luces de Nadal que figuran asociadas a un contrato pechado plurianual e que polo tanto xa está comprometido o pago e anular todo o resto de actuacións e decoracións na rúa”.
Evitar masificacións coma os de estos días
O voceiro de Marea de Vigo enfatiza que “é indispensable evitar masificacións como as que estamos a vivir estos días”. Así mesmo considera , “discutible” limitar o acceso e mobilidade a causa das decoracións de Nadal instaladas na vía pública. “O que non é aceptable é furtar a obrigatoriedade de que sexa a policía local a que asuma en exclusividade as funcións de control do tránsito e a mobilidade da cidadanía polas rúas”.
Máis de 2 millóns en gastos de Nadal en Vigo
Marea de Vigo lembra que “se ben as luces supoñen entre 800.000 ou 900.000€ ao ano dependendo do exercicio, o gasto total de Nadal supera os 2 millóns de euros en múltiples partidas”. As mesmas van dende a decoración, as campañas publicitarias en medios e un sinfín de gastos menores.
O Goberno de Caballero aposta por encher o centro
“Un Nadal austero nestas cuestións e unha actitude responsable da administración local evitando o efecto chamada a encher o centro urbano sería polo que tiña que ter apostado o Goberno vigués” matiza Pérez.