Os concellos da comarca de Vigo recibirán o próximo ano 2021 máis de 8 millóns de euros, (8.183.194€), do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Segundo sinalou este venres a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, o Plan Concellos 2021 representa “a maior transferencia de recursos da historia da Deputación”.
42,5 millóns para toda a provincia
Os números do Plan do vindeiro ano, que se incrementan ata os 42,5 millóns, foron presentados esta mañá pola propia presidenta e o vicepresidente César Mosquera, “responden a a criterios técnicos de poboación, superficie, núcleos e densidade”.
Así, os investimentos do Plan provincial na comarca viguesa serán para O Porriño de 1.109.682€; Nigrán 1.005.793 euros; Redondela 1.145.790€; Gondomar 976.937€; Mos 966.009 euros; Baiona 930.132 euros; Salceda de Caselas 681.826 euros; Soutomaior 562.858 euros; Pazos de Borbén 412.334 euros; e Fornelos de Montes 391.827 euros.
O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca de Vigo ascende a máis de 48 millóns de euros (48.189.054€). Os datos foron comunicados hoxe mesmo aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan “a fin de que saiban o antes posible as achegas que van recibir para poder incorporalas aos seus respectivos orzamentos”.
Son os concellos os que deciden a qué adicar estes recursos
“Trátase do plan estrela da Deputación, do paradigma de respecto da autonomía local e permite que os concellos decidan libremente a que dedicar os recursos” asegurou Silva na presentación. Este ano, “todas as comarcas van recibir máis recursos que o ano anterior e temos moito orgullo ao coñecer que a Deputación, segundo os datos do Ministerio de Facenda, “volve ser a administración que máis transferencias fai aos municipios”.
En liñas xerais, o Plan Concellos repártese de forma equilibrada, beneficiando máis aos máis pequenos. Os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2021 19.650.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 13.800.000 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitantes 8.825.000 €.
33 millóns para os concellos de menos de 20.000 habitantes
“Somos moi conscientes do papel que teñen que desenvolver as Deputacións, sobre todo de apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, neste eido, imos destinar a este grupo preto dos 33 millóns e medio de €”.
Amais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que para o 2021 estará dotada con 30 millóns de €; a liña 2 de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes que estará dotada con 3.000.000 € e a liña 3 de fomento do emprego que contará no 2021 con 9.500.000 €.
COVID
O Plan presenta novidades. Como xa podían facer desde o inicio de pandemia, os concellos poden destinar ata o 30% da cantidade da liña 1 a incrementar o importe das liñas 2 e 3 e facer fronte así ás necesidades derivadas da crise. Esta medida verase complementada agora con outra nova: dáse opción aos concellos a destinar ata o 20% da liña 1, un total de 6 millóns de euros, a establecer un plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.
Balance 2016-2021: 252 millóns de euros
“Ningunha administración, nin a estatal, nin a autonómica, ten feito tanto esforzo inversor para que chegaran recursos aos concellos da provincia. Nunca os concellos tiveron tantos recursos á súa disposición, nunca se respectou tanto a súa autonomía local e nunca se fixo un esforzo tan importante por transformar esta provincia” asegurou Carmela Silva ao facer balance do Plan Concellos dos últimos cinco anos.
Deste xeito, desde o 2016 achegáronse a case 252 millóns de euros aos concellos da provincia, dos cales máis de 116 millóns e medio foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 82 millóns de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e máis de 53 millóns de euros a aqueles de entre 20.000 e 50.000 habitantes. “Fixemos un esforzo extraordinario, o máis importante da historia desta Deputación, para que os concellos puidesen garantir os dereitos e os servizos”, remarcou Carmela Silva.
2.151 actuacións
En liñas xerais, dende o 2016 e ata o 2020 os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.151 actuacións no marco da liña 1, concretamente para vías e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecemento e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, vehículos e maquinaria, actuacións en alumeados e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións.
Pola súa banda, en canto a liña 2 realizáronse ata 1.132 pagamentos de gasto corrente e actividades municipais e a través da liña 3 de emprego puidéronse financiar a creación de 5.199 postos de traballo nos concellos.