Os sindicatos denuncian que a empresa ambulancias que presta servizo no Morrazo decidiu retirar o pasado día 16 de novembro a máquina xeradora de ozono coa que se complementan as tarefas de desinfección logo do traslado dos pacientes con signos de sospeita ou confirmación por Covid-19.
“Pese a que a empresa alega que foi retirada para sometela a unha reparación”, o persoal técnico da base de Cangas denuncia que tan só se trata da substitución dun fusible, “para o que non se tarda un mes”. Ademais, engaden os profesionais, o prezo destas máquinas xeradoras é de 75€, o que “non xustifica que non se poida proceder a súa inmediata substitución”.
“Ataque” á CIG
Dende a CIG denuncia que detrás desta decisión existe unha campaña de ataque a este sindicato “en vinganza polas decenas de reclamacións e denuncias que acumula a empresa diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou na propia Garda Civil”.
O obxectivo da empresa, aseguran, é “ impedir a participación dos delegados de prevención para evitar que reclamen os materiais e as medidas necesarias para evitar gastos e poder efectuar recortes, obtendo así máis beneficios da asignación que recibe do Sergas”.
Sen ambulancia do 061 e sen persoal do PAC
A CIG subliña que o feito de que o centro de traballo de Cangas careza dun sistema de desinfección obriga a que estás tarefas se realicen nas instalacións de Vigo. Isto provoca que “a ambulancia tarde moito máis en
quedar novamente operativa”, orixinando atrasos na asistencia á poboación que teña unha urxencia sanitaria.
Ir a Vigo a realizar a desinfección e voltar ao Morrazo
“Resulta habitual que o persoal técnico de emerxencias remate a súa asistencia a un paciente no PAC de Cangas e que se teña que trasladar a Vigo a realizar as tarefas de desinfección para logo regresar de novo ao Morrazo, quedando a zona sen servizo de ambulancia durante máis dunha hora”.
Diante disto, a CIG solicitará a intervención do 061, da Xerencia de Vigo e do propio Concello de Cangas para obrigar á empresa a dispoñer dun sistema de desinfección na localidade que garanta a adecuada e pronta asistencia da poboación.