A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS) denuncia que logo de seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo “aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de Vitrasa”.
Risga e Pensións non contributivas, sí, Ingreso Mínimo Vital, non
Neste intre, engaden os seus responsábeis, quen cobra a Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.
Montar nun vitrasa custa 1’35€ por viaxe, 0’89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0’67€), estudantes (0’87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0’69€). As pensionistas non pagan.
Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de Vitrasa ou á casa do Concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.
Atrancos dende a aprobación da Renda Mínima Vital
O rebumbio no lanzamento do IMV. indican dende a Oficina de Dereitos Sociais, “deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc”.
O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. “Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal”.
Urxencia de prorrogar a concesión a Vitrasa
A inacción do goberno de Caballero neste asunto choca co apuro que tivo para prorrogar a concesión do transporte durante cinco anos máis a Vitrasa. “Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público”.
“Cidade ‘friendly para os negocios dos grandes capitais”
“Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais. Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas; Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías”.
Modificación da ordenanza de transportes
A Oficina de Dereitos Sociais de reclama a “urxente” modificación da ordenanza. “Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos…”