Galicia

A Mesa lanza un catálogo con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego

Distribuirao de xeito gratuíto por todo o país e xa está dispoñíbel tamén na web da entidade

Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, roupa, complementos, experiencias, alimentos… A Mesa pola Normalización Lingüística vén de lanzar a través da súa páxina web un extenso catálogo -que tamén se repartirá impreso, de xeito gratuíto, nas tendas de Abertos ao Galego de todo o país- con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego.

Recoñecer ás empresas que empregan o Galego

“Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico“, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que “coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.

Abertos ao galego

O catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego,  até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións.

“Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións”, afirma Maceira, “non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”.

También te puede interesar