A Audiencia Nacional vén de absolver aos 12 independentistas galegos acusados dentro da ‘Operación Jairo’, para os que a Fiscalía pedía 102 anos de cadea polos supostos delitos de “pertenza a organización criminal ” e pola “exaltación do terrorismo”.
Os xuices desbotan a comisión destes delitos e deixan sen efecto as medidas contra os acusados, decretadas ao longo dun proceso que duraba xa máis de 5 anos.
Non poden considerarse organizacións criminais
Na sentenza os maxistrados sinalan que “a orientación política [independentista] de Causa Galiza merece a proteción constitucional”. Ademáis, subliñan que “lembrar ou recibir a determinados militantes independentistas que, ou ben morreron nunha actuación de carácter terrorista ou cumpriron as penas impostas e saíron en liberdade, non pode considerarse integradora dunha finalidade de exaltación do terrorismo que levase á cualificación de organización criminal”.
No mesmo sentido entenden ao respecto da “a asociación Ceivar, que ten entre os seus obxectivos o acompañamento e axuda en todas as ordes de presos independentistas e o seu recibimento cando saen en liberdade”.