O Bloque Nacionalista Galego demandou hoxe que os plenos do Concello abandonen a “clandestinidade” e propón varias medidas para aumentar a “transparencia” no funcionamento do máximo organismo democrático da cidade.
O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, considera “inxustificábel” que a emisión en liña se faga sen apenas difusión e sen facilitar o seu acceso ao conxunto da veciñanza, en contraste coa ampla cobertura que se lle deu desde medios municipais a eventos como acendido do alumeado de Nadal.
Aliás, denunciou que os vídeos se retiren ao pouco de remataren as sesións plenarias. “É absurdo que as viguesas e os vigueses poidamos ver calquera pleno ou comisión celebrada no Parlamento galego ou no Congreso, pero non os plenos do Concello”, criticou.
Igrexas cuestionou que motivos levan o Goberno municipal a promover esta opacidade. “De que ten medo Abel Caballero? Que é o que quere que as viguesas e o vigueses non poidan ver nin escoitar?“, preguntouse.
O portavoz do Bloque defendeu, por contra, a importancia de que a veciñanza “poida coñecer de primeira man as posicións e propostas de todas as forzas políticas con representación do Pleno” fronte o afán do rexedor por “monopolizar o discurso e silenciar a pluralidade”.
Emisión dende a web do Concello, como o encendido das luces de Nadal
Por todas estas razóns, o BNG pide que a emisión en liña (streaming) dos Plenos se faga tamén desde a portada da web municipal, “como si se fixo co acto de encendido do alumeado de Nadal“
Que a convocatoria de cada Pleno e a súa orde do día se publicite de maneira activa e visíbel en todas as canles do Concello. Para que saber cando se reúne e para que “non obrigue a navegar e rebuscar dentro da web do Concello”.
Que non se eliminen os vídeos dos plenos
O Bloque pide, ademáis, que non se eliminen, “como se fixo até o de agora” os vídeos dos plenos xa celebrados e que poidan verse en calquera momento pola veciñanza, como se fai no Parlamento galego, no Congreso ou noutros concellos.