Comarcas

O PP de Redondela responsabiliza á alcaldesa do impago das axudas COVID

A súa voceira, Mari Carmen Amoedo, lembra que levan tramitándose dende xullo e sinala a Digna Rivas como éxclusiva responsable desta situación

MariCarmen Amoedo remanentes

O Grupo Municipal do Partido Popular non entende como a apenas 48 horas para rematar este ano o Concello segue sen ingresar as axudas COVID destinadas a persoas en risco de exclusión e a autónomos e pemes.

“Dende o PP instamos xa en varias ocasións -a última no pasado Pleno da Corporación do día 22- ás concellerias de Servizos Sociais, Digna Rivas, e a de Facenda, María Castro, para que resolvan dunha vez a convocatoria de subvencións para autónomos e pemes” que, lembra Mari Carmen Amoedo, voceira do Grupo Municipal Popular, levan tramitándose 5 meses sen que haxa unha solución.

Veciños en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión

Para Amoedo é máis grave o feito de que a alcaldesa non teña resolto e dado orde de ingreso das achegas destinadas a persoas vulnerables e en risco de exclusión social. Moitas delas atópanse nunha situación extrema, “coma coñece a señora Rivas”, e aínda non contan cunha axuda que é vital.

Responsabilidade “única e exclusiva” de Digna Rivas

Para a voceira municipal do Partido Popular, o feito de que estas cantidades non fosen pagadas aínda “débese única e exclusivamente á falla de xestión de Digna Rivas, máxima responsable da acción do Goberno municipal e do funcionamento diario da Concellería de Servizos Sociais.”

También te puede interesar