Ecoloxistas en Acción e a Asociación pola Defensa da Ría de Vigo “Cíes” alertan dun novo recheo en Bouzas. Denuncian que a Autoridade Portuaria de Vigo pretende ampliar “considerablemente” a superficie portuaria no que se coñece como ‘Terminal de Bouzas’ mediante a execución dun aterramento sobre a lámina de auga da ría.
O argumento que emplea o Porto de Vigo, sinalan, é unha suposta necesidade de maior superficie de almacenamento de mercadorías, liña e calado de atracada para os buques de transporte de vehículos ou de mercadorías en xeral polo sistema Ro-Ro.
Alto risco de contaminación e perigo para os bancos marisqueiros e pesqueiros
Para estas dúas organizacións ecoloxistas toda a ría de Vigo é un espazo incompatible con este tipo de obras. As mesmas, subliñan, “levan un alto risco de contaminación, por terras ou modificacións da hidrodinámica da mesma que anula calquera distancia “maior ou menor” dos bancos marisqueiros, pesqueiros, parques de bateas, praias ou as zonas protexidas, enseada de San Simón, Costa da Vela, Parque Nacional Illas Atlánticas, quedando así expostas todas elas por igual tanto as máis próximas como as máis afastadas”.
‘Morte acelerada’ da Ría de Vigo
Estas dúas asociacións sinalan que “os proxectos da Autoridade Portuaria seguen unha vez máis contribuíndo a unha morte acelerada da ría de Vigo”.
A súa actitude agresiva en aras da economía, que desatende as propostas cidadás, que priva dos recursos naturais ás xentes que viven do mar, do turismo, a restauración e destrúe o valor da natureza e merece un control severo con todo o peso da lei.
Urxente poñer en funcionamento o Porto Seco de Salvaterra-As Neves
Ecoloxistas en Acción e a Asociación pola Defensa da Ría de Vigo “Cíes” recalcan que para que o porto de Vigo siga sendo competitivo e poida mellorar a súa actividade, non é preciso seguir ocupando a lámina de auga con novos recheos, máis ben é necesario poñer en funcionamento o porto seco de Salvaterra-As Neves “cunha liña de ferrocarril que axilice o tránsito de mercadorías, que potencie o desenvolvimiento industrial da provincia de Pontevedra, conectando os demais polígonos do interior e modernizando a liña que nos conecta con Ourense polo Miño”.
As organizacións ecoloxistas recordan que elas non se opoñen ao progreso sostible do porto pero si a calquera recheo sobre a ría de Vigo e o seu ámbito litoral por significar a necrosis do medio ambiente. Para conseguir mais calado e liña de atracada deben empregarse outras técnicas como a de pilotaxe ou duques de Alba, “sistema mais eficaz e menos daniño para o medio mariño que non interferen na dinamica das correntes litorais evitando así un maior dano aos bancos marisqueiros e de pesca que causarían a perda de máis postos de traballo e un dano irreversible á natureza”.