Cultura Vigo al minuto

Galicia lembra a Castelao no 71 cabodano da súa morte

Médico, narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político, foi a figura máis importante da cultura galega do século XX

Considerado o paí do nacionalismo galego, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886, morreu, o día 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires. 

Castelao foi quen de reunir as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX… ademáis de estudar medicina, aínda que non exerceu“fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade”.

Foi homenaxeado co segundo Día das Letras Galegas, no ano 1964. En decembro de 2011 a Xunta declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural.

Mocidade, estudos de Medicina, doutorado

De 1900 a 1903, Castelao estudou no Instituto Xeral e Técnico o bacharel de Artes e, entre 1903 e 1909, cursou a carreira de Medicina na Facultade da Universidade de Santiago de Compostela. Durante os seus anos na universidade agroma tamén o seu interese polo debuxo e a pintura, En 1908 expuxo os seus debuxos en Madrid e comezou a colaborar coa revista viguesa Vida Gallega. Entre 1909 e 1910 fixo o curso de doutorado en Madrid e participou nos II e III Salón Nacional de Humoristas, á vez que colaboraba como ilustrador con El Cuento Semanal. Tamén en 1909 consegue unha medalla de ouro na Exposición Rexional Galega de Santiago, co tríptico Unha festa na aldea.

É nese momento en que reside en Madrid cando lle confesa ó seu pai que non ten pensado exercer coma médico…ainda que volta a Rianxo e abre consulta na casa dos seus avós.  Nese tempo diagnostícanlle unha tuberculose e vese obrigado a pasar unha tempada de repouso na Toxa, en setembro. Xa en 1911 asiste en Santiago a un breve curso do doutor Varela Radío para especializarse en obstetricia, pero en maio reaparece a enfermidade e ten que ser operado en Santiago.

En Rianxo, axiña comeza a participar na vida política local dentro do Partido Conservador local, liderado polo seu pai, e é neste período cando colabora con Xosé Arcos, Eduardo Dieste e outros na fundación do semanario El Barbero Municipal (1910–1914), no que publicou as súas primeiras caricaturas e escribiu atacando o réxime caciquil galego, personificado en Manuel Viturro Posse, secretario daquela da Deputación Provincial.

Primeira conferencia en Vigo, 1911

Dá a súa primeira conferencia en marzo de 1911, en Vigo, falando sobre a caricatura e ao longo dos anos seguintes realiza exposicións en diversas cidades galegas. O 15 de febreiro de 1912, presenta en Ourense a súa primeira exposición individual. Durante esta época colaborou con El Liberal, La Tribuna, El Parlamentario, El Gran Bufón, Mi Tierra, Suevia, La Voz de Galicia de Bos Aires, publicacións que axudaron a popularizar as súas caricaturas. Nese mesmo ano adheriuse ao movemento Liga Agraria de Acción Gallega, dirixido por Basilio Álvarez.

O 19 de outubro de 1912 casou con Virxinia Pereira Renda (A Estrada, 1884 – Madrid, 1969), na igrexa de San Paio da Estrada. O 1º de febreiro de 1914 naceu na Estrada o seu único fillo, Alfonso Xesús. Ese mesmo ano sofre un desprendemento de retina que déixalle a visión moi reducida durante o resto da súa vida e, segundo el mesmo escribiu, foi un dos motivos polos que decide abandonar definitivamente a medicina e buscar un traballo máis seguro como funcionario. Aínda así, volveu exercer como médico en Rianxo durante a epidemia da gripe de 1918.

Profesor

Así, en decembro de 1915 vai a Madrid a opositar a funcionario do Instituto Xeográfico Estatístico, á vez que aproveita para participar nunha Exposición de Humoristas e na Exposición de Belas Artes de Madrid, na que obtén grandes eloxios da crítica. Aprobada a devandita oposición, comeza a traballar como auxiliar de Estatística en Pontevedra a principios de 1916, onde residiría xa ata 1936.

Xa en 1918 volve opositar e mellora a praza de funcionario en Pontevedra, á vez que comeza a traballar como profesor adxunto da cátedra de Debuxo, no instituto de segunda ensinanza de Pontevedra, onde coñece a Antón Losada Diéguez cando este vén como catedrático de Psicoloxía, Lóxica e Ética. Fíxose cargo da cátedra de Debuxo, por baixa do titular, durante quince meses.

En Pontevedra comeza a colaborar axiña cos intelectuais da vila e nos círculos culturais que alí existían, como a charla do farmacéutico Perfecto Feijoo, o coro Aires da Terra e na creación da Coral Polifónica (en 1925). O Castelao escenógrafo naceu precisamente para os decorados dunha das representacións desta Coral. Máis adiante, en 1927, participará como membro fundador do Museo de Pontevedra.

En 1916 xurden  na Coruña as Irmandades da Fala, da man de Antón Vilar Ponte. Castelao ingresa nas Irmandades xa nese primeiro ano e promoveu a constitución dunha delegación local en Pontevedra, actuando tamén como delegado nas Asambleas Nacionalistas que se celebraron posteriormente. Do mesmo xeito, colabora asiduamente en A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. En 1918 comezou a colaborar co xornal madrileño El Sol, ata 1922.

Narrador

En 1919 nace o Castelao narrador, coa publicación de catro relatos breves na revista A Nosa Terra. Este estilo literario, tan característico da obra de Castelao, comezou a publicarse como contos pero pronto pasou a constituírse nas Cousas, primeiro formadas só por textos e logo por textos ilustrados por el mesmo e que foron publicándose en distintos medios e, anos despois, agrupados baixo formato libro (con modificacións formais, engadidos e supresións) baixo os títulos de Cousas. Primeiro libro (1926), Cousas. Segundo libro (1929) ou Retrincos (1934).

Revista Nós

Tamén en 1919 se publica o seu primeiro ensaio en galego, Arte e galeguismo e, xa en 1920, Humorismo. Debuxo humorístico. En 1920, Vicente Risco, Otero Pedrayo e outros fundan a revista Nós, da que Castelao foi Director Artístico a partir de marzo de 1923. Ó redor de Nós xermolou a vida política e cultural de Galicia ata a súa desaparición en 1936. En marzo dese ano 1920 inaugúrase na Coruña a súa exposición Nós, con 49 debuxos e un autorretrato; tamén se presentou en Madrid e en Ourense e, xa en 1921 e seguintes, noutras cidades galegas e mais en Barcelona. Esta exposición foi publicada como álbum en 1931. Á parte do que representou para el mesmo desde o punto de vista artístico e de recoñecemento público, a Exposición Nós deu pé a numerosas conferencias e actos culturais ó seu redor nas cidades onde se presentou. No caso da presentación en Santiago, en 1924, serviu de feito para o recoñecemento oficial do Seminario de Estudos Galegos (fundado o ano anterior), coa presenza do máis selecto da intelectualidade galega e do propio arcebispo de Santiago, Manuel Lago.

En 1921, grazas a unha bolsa de viaxe da Junta de Ampliación de Estudios, viaxa a Francia (París), Bélxica (Bruxelas, Gante, Bruxas e Antuerpen) e Alemaña (Berlín e Múnic) para estudar a arte deses países; froito desa viaxe realizada entre xaneiro e outubro foi o diario que escribiu e que publicou parcialmente a revista Nós en 1922-1923 (e, finalmente, como libro, en 1977 co título de Diario 1921).

‘Un ollo de vidro’ e ‘Memorias dun esquelete’

En 1922 publica a súa obra Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (o seu primeiro relato publicado como libro independente). Publicouna a editorial Céltiga, promovida polas Irmandades da Fala de Ferrol. Neste mesmo ano, no mes de marzo, prodúcese a escisión das Irmandades da Fala na IV Asemblea, realizada en Monforte de Lemos. Castelao xúntase con Vicente Risco e crean a Irmandade Nazonalista Galega (ING), liderada por Risco, e da que Castelao foi delegado en Pontevedra.Co tempo vaise afastando progresivamente desta corrente conservadora e, tralo silenciamento político do nacionalismo galego durante a ditadura de Primo de Rivera, aparecerá aliñado coa tendencia de esquerda.

Entre 1924 e 1925 publica no diario Galicia (fundado en 1922 e dirixido por Paz Andrade) unha viñeta diaria e algúns textos. En 1926 pecha Galicia e publica as súas viñetas en Faro de Vigo e os textos, as cousas, en El Pueblo Gallego. En total, entre 1926 e 1927 publica 36 cousas, que se repiten noutros medios (como na revista Céltiga ou Alma Gallega). En 1925 publícase o seu libro de debuxos Cincoenta homes por dez reás.

A finais de 1927 sufriu unha forte recaída da súa cegueira de hai anos que lle fixo perder a retina do ollo dereito e parte da do esquerdo, polo que ten que someterse a un duro tratamento.

Morte do seu fillo

O 3 de xaneiro de 1928 morreulle o seu fillo Alfonso Xesús, sen cumprir aínda os 14 anos e despois dunha infancia con continuos problemas de saúde, o que o deixa tan abatido que practicamente deixa de escribir e debuxar durante case dous anos. Cunha nova axuda da Junta de Ampliación de Estudios, marchou na primavera de 1929 a Bretaña coa súa dona, en viaxe de estudos para estudar os cruceiros bretóns, traballo que se materializou no libro As cruces de pedra na Bretaña, editado polo Seminario de Estudos Galegos en maio de 1930.

Deputado nas Cortes da II República, fundación do Partido Galeguista

Trala caída de Miguel Primo de Rivera a principios de 1930 xorden en Galicia os primeiros movementos dirixidos á constitución do galeguismo político ó redor da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e da convocatoria da VI Asemblea Nacionalista, na que Castelao participa en representación do Partido Galeguista de Pontevedra. En setembro dese ano forma parte do grupo que asina o “Compromiso de Barrantes”, que apoian galeguistas de tódalas tendencias (nacionalistas, republicanos, agraristas, etc.). No mes de xuño de 1931 preséntase como candidato independente por Pontevedra ás Cortes constituíntes da II República Española, resultando elixido deputado.

A Federación Republicana Gallega (FRG-ORGA) obtivo 15 dos 47 escanos galegos e formou grupo parlamentario propio, denominado Minoría gallega, no que se integraron Castelao e Otero Pedrayo. Co tempo e ó comprobar que a FRG-ORGA non era quen de recoller as demandas dos galeguistas, estes deciden constituír o Partido Galeguista, o que acontece en decembro de 1931. As Irmandades da Fala, ás que pertencía Castelao, disólvense no novo partido. Moi pouco tempo despois (primeiros de 1932), Castelao e Otero Pedrayo deixan de formar parte desa “minoría gallega”, dominada pola ORGA.

Primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia

Unha vez aprobada a Constitución de 1931 que designaba un Estado integral, que non era senón unha república unitaria, o galeguismo político, entre cuxos persoeiros destacaba Castelao, pescudou a autonomía de Galicia a través dun estatuto de seu.En abril de 1932 o concello de Santiago convoca unha Asemblea de Concellos Galegos que se celebra nesa cidade en decembro dese ano e aproba o anteproxecto do Estatuto, co voto favorable de 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega. O proceso non prosperou porque o goberno central atrasou a aprobación do Estatuto nas Cortes.

Membro da Academia Galega

En xullo de 1933 foi nomeado académico de número da Real Academia Galega, a proposta de Marcelo Macías García, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, e o acto de ingreso realizouse en 1934. O 25 de xullo deste ano Castelao tomou posesión trala lectura do seu discurso sobre As cruces de pedra na Galiza, texto preparatorio do que sería o libro que se publicaría moito despois, trala súa morte. Respondeu a este discurso Antón Vilar Ponte.

O 25 de xullo de 1933, os galeguistas promoven unha alianza cos nacionalistas vascos e cataláns, o que se coñeceu como pacto Galeusca. Durante ese ano traballa no deseño da escenografía da obra de Valle-Inclán Divinas palabras, estreada en Madrid o 16 de novembro de 1933 da man da compañía de Margarita Xirgu.

‘Os dous de sempre’

En setembro deste ano disólvense as Cortes e Castelao non consegue saír elixido na nova convocatoria celebrada en novembro: a dereita obtén unha contundente vitoria e os galeguistas unha sonada derrota que os deixa sen representación parlamentaria. Ó non ter que dedicar tanto tempo á actividade política, volve ó seu traballo artístico e literario e publica, no ano 1934, Retrincos e a súa novela Os dous de sempre. Reedítanse tamén as Cousas nun volume conxunto que agrupa o Primeiro e o Segundo libro. En todo caso, Castelao non deixa a actividade política e na III Asemblea do Partido Galeguista (xaneiro de 1934) é nomeado Secretario Político do partido (e Alexandre Bóveda, Secretario de Organización).

A revolución de Asturias e a proclamación da república en Cataluña en outubro de 1934 dá lugar a unha violenta reacción do goberno conservador que reprime duramente calquera actuación da esquerda. É o que se coñece como Bienio negro. Como consecuencia en Galicia, o Partido Galeguista é practicamente descabezado, as súas sedes pechadas e a publicación A Nosa Terra suspendida.

Desterro

Castelao é desterrado por medio dun traslado administrativo forzoso a Badaxoz a finais de outubro de 1934 (e Bóveda a Cádiz). Durante a súa estadía en Estremadura escribiu para A Nosa Terra unha serie de 14 artigos co título de Verbas de chumbo que posteriormente se integrarían en Sempre en Galiza. Desde o exilio lanza duras críticas a Vicente Risco e outros membros da dereita galeguista.

O 6 de setembro de 1935 ponse fin ao desterro tralas xestións do novo Ministro da Gobernación, Manuel Portela Valladares (que iniciara xa en abril) e Castelao e Bóveda son repostos nos seus destinos en Pontevedra e reciben a homenaxe en desagravio de numerosos políticos e escritores.

Deputado, de novo

En 1936 constitúese a Fronte Popular, que acolle as reivindicacións autonómicas galegas, e, o 25 de xaneiro, o Partido Galeguista aproba a integración, decisión que produce a escisión de certos membros da dereita, como Risco, que se adhiren na Dereita Galeguista. Nas eleccións celebradas en febreiro, a Fronte Popular consegue un notable éxito (en Galicia, 26 deputados, fronte a 9 do centro e 11 da dereita), e Castelao resulta elixido de novo deputado. Tras estes resultados puideron crearse de novo as condicións necesarias para a reactivación do Estatuto, e en maio convocado o plebiscito para o 28 de xuño.

Os galegos aproban o Estatuto de Autonomía

Castelao e o Partido Galeguista protagonizaron a campaña polo si ao Estatuto de Autonomía de Galicia, xunto a Izquierda Republicana, os centristas de Portela Valladares e a Dereita Galeguista de Risco. Castelao participou con innumerables mitins e a creación de carteis (aspecto este no que tamén participaron Maside, Seoane ou Camilo Díaz). Finalmente, o Estatuto foi aprobado por unha amplísima maioría e unha alta participación (de case o 75%).Castelao marchou a Madrid xa a primeiros de xullo e agardou alí á Comisión que entregaría oficialmente o proxecto ó Goberno. O día 14 de xullo reuníronse co Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, e o 17 con Manuel Azaña, Presidente da República. O día seguinte comeza a Guerra Civil.

Sae de Galicia e xa non volverá nunca

Castelao xa nunca volvería a Galicia. Ante a sublevación do 18 de xullo de 1936, permaneceu en Madrid ata outubro e dedicouse a organizar unhas milicias galegas en colaboración co Partido Comunista de España. A finais deste mes marchou a Barcelona e, en novembro, a Valencia, onde se constitúe o Goberno da República. Neste tempo dedicouse, por un lado, a promover nas Cortes a aprobación do Estatuto e, por outro, a mobilizar os galegos no bando republicano e facer propaganda a favor da República. Con este fin, xa en 1937, colabora con dúas novas publicacións: Nueva Galicia (Madrid, 1937) e Nova Galiza (Barcelona, 1937), nas que participa con debuxos dos seus álbums de guerra e cunha nova serie de Verbas de chumbo. Canto ó Estatuto, consegue que se presente ante as Cortes en febreiro de 1938 pero non logra que se aprobe porque o Partido Socialista negase a nomear os seus representantes, quedando paralizado ata 1945.

É tamén durante estes primeiros anos da guerra cando publica os seus tres álbums da guerra: Galicia mártir (Valencia, febreiro de 1937), Atila en Galicia (València, xullo de 1937) e Milicianos (Nova York, agosto de 1938).

Do 20 de abril ao 20 de maio de 1938 realizou unha viaxe oficial coa súa dona, por encarga do Ministro de Estado, Julio Álvarez del Vayo, dentro dunha comisión cultural republicana, á URSS (visitando Leningrado e Moscova, e despois a Ucraína Occidental e Acerbaixán) No Museo de Arte Moderna Occidental de Moscova puido asistir á exposición da súa obra encol do martirio de Galicia na “Sala Castelao”.

New York e Bos Aires

O 20 de xullo de 1938 embarca de novo, esta vez cara a Nova York, canda a súa dona no paquebote Ille de France, ao encomendarlle o Goberno a realización dunha campaña de axuda á República en América, para o que contou coa colaboración das Sociedades Hispánicas Confederadas, da Fronte Popular Antifascista Galega e da Casa de Galicia-Unidade Galega. Durante a xira polas principais cidades dos Estados Unidos, en compaña de Luís Soto, conseguiu recadar 50.000 dólares. En novembro visita Cuba, co mesmo obxectivo, e alí participou na campaña das eleccións ao Centro Gallego da Habana apoiando á Hermandad Gallega. 

En febreiro de 1939 regresa ós Estados Unidos, onde se dedicou a recoller fondos para os refuxiados que escapaban de España, ata establecerse (rematada a guerra) en Nova York a finais do verán. En setembro de 1939 é nomeado Xefe do Partido Galeguista.

Residiu case un ano en Nova York, onde non se sentía a gusto (“Eu atópome en New York como nunha gaiola de ferro. Non vexo maneira de vivir. Busco e non atopo.”). Neste período escribiu boa parte do libro II de Sempre en Galiza, que xa inclúe críticas máis explícitas ós dirixentes republicanos españois porque, trala perda da guerra, “xa se cancelaron os convenios políticos que me obrigaban a calar”. Tamén recupera a redacción da obra teatral Os vellos non deben de namorarse, que comezara alá en 1931 e que agora reordena e modifica substancialmente, e debuxa a serie dos doce Debuxos de negros que xa comezara na súa viaxe a Cuba. Por fin, en abril de 1940 recibe a ansiada “Carta de residencia” en Arxentina que lle ía permitir deixar os Estados Unidos e ir vivir a ese país, instalándose definitivamente en Bos Aires, onde chega en xullo de 1940.

‘Sempre en Galiza’

En agosto de 1941 estréase en Bos Aires e en outubro en Montevideo a obra Os vellos non deben de namorarse, para a que Castelao deseñou os decorados, o vestiario, as caretas e tódolos detalles. Tamén se dedica a ilustrar libros e deseñar portadas, para complementar os seus ingresos.

En 1944 publícase o seu libro magno Sempre en Galiza, que se presenta ó público o 2 de xullo. Nese mesmo ano constitúese o Consello de Galiza, que proclama a Castelao como Presidente. Case simultaneamente nace o pacto Galeuzca, no que tamén participa activamente.

Ministro da República

En 1946, o Goberno republicano no exilio de José Giral instálase en París e Castelao é nomeado ministro. Os galeguistas do interior (especialmente Ramón Piñeiro), premeron ante Giral para que Castelao fose nomeado ministro porque xa había un vasco (Manuel de Irujo) e un catalán (Nicolau D’Olwer), fronte ao candidato do vasco Aguirre e do propio Giral, Manuel Portela Valladares. Por este motivo trasládase a París e toma posesión en agosto. Por cousa das disensións cos socialistas de Indalecio Prieto, Giral vese obrigado a dimitir e disolve o goberno, co que Castelao, desilusionado, decide regresar a Bos Aires, a onde marcha en xullo de 1947. Da pouca utilidade que lle ve ao goberno Giral é mostra a descrición que fixo Castelao de ser “un barco varado, incapaz de navegar”. En resumo, Castelao ostenta o cargo de ministro sen carteira desde abril de 1946 ao 26 de xaneiro de 1947, en que se disolve o goberno. Durante este tempo súmaselle ó desencanto con boa parte da política española no exilio as desavinzas coa dirección interior do Partido Galeguista, como se ve no intercambio de correspondencia entre Castelao e a dirección interior, entre outras cousas pola intención de constituír unha delegación do partido en París para dirixir a política galeguista do exilio, ou pola de facer a Xoán Xosé Plá parceiro del para “servir as consignas do Comité”.

Cancro

É na breve estancia en Francia cando comezan a manifestarse os primeiros síntomas da enfermidade cancerosa que sufría, como unha afección ó fígado que o tivo na cama unhas cantas semanas.

Xa na Arxentina, Castelao retomou a actividade política e participou en numerosos actos públicos, como o coñecido discurso Alba de Groria no día da Patria de 1948, pero a comezos de 1949 diagnostícaselle un cancro de pulmón incurable aínda que os médicos só lle din que ten un “proceso infeccioso no pulmón esquerdo” que esixe repouso e tratamento médico. Os médicos decidiron ocultar a gravidade da enfermidade tanto a Castelao como á súa muller, e semella que el non foi consciente da inminencia da morte. 

En xuño de 1949 escribía escusando a súa presenza nun acto do Centro Pontevedrés de Bos Aires que “estou absolutamente seguro de repoñer a miña saúde e de acompañalos no ano próisimo, por este xa se vé que non é posible”; en decembro escribía ao seu amigo Manuel Roel: “Estou enfermo pero sandarei. Algún día nos veremos na verde Betanzos”.

Castelao, recluído no seu domicilio e cada vez con maiores dores, xa está eiquí o corvo, xa está o corvo peteirando”, dedícase a preparar a edición de As cruces de pedra na Galiza pero só consegue ver impresas e asinar as primeiras páxinas.

Morte

Finalmente, para intentar reducir as dores que sufría, os médicos deciden sometelo a unha lobotomía prefrontal. O día 2 de xaneiro de 1950 ingresárono no Sanatorio do Centro Gallego de Bos Aires, o 4 operárono pero non consegue recuperarse da operación e morre pouco antes da medianoite do 7 de xaneiro, sen chegar a cumprir os 64 anos. Foi embalsamado para cumprir o seu desexo de, algún día, regresar a Galicia e, ademais, o escultor Domingo Maza faille unha mascariña da cara e un baleirado en xeso da súa man dereita. Foi soterrado o día 9 no cemiterio da Chacarita, de Bos Aires.

Volta a Galicia en 1984

Os seus restos mortais foron repatriados e levados para o Panteón de Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela), o 28 de xuño de 1984, coincidindo co aniversario do plebiscito que aprobou o Estatuto de Galicia, en medio de manifestacións nacionalistas que acusaban as autoridades de que “os que o exiliaron agora fanlle honores”. O mesmo día en que chegan os restos de Castelao, concédeselle a título póstumo a Medalla de Ouro de Galicia e, en decembro dese mesmo ano o Goberno de Galicia crea a Medalla Castelao.

Te podría interesar