Xaquín Pastoriza e Cristóbal López | Ecoloxistas en Acción Vigo
Nese momento, despois de anoitecer, nun parque sobre unha cidade occidental, o aire derrama unha chuvia de mensaxes. A árbore di cousas con palabras anteriores ás palabras. ‘O clamor das árbores’ Richard Powers
Coa talla dos últimos cedros da Ronda Don Bosco abateron unha parte da nosa memoria como cidade. Lembramos de pequenos o asombro ante a ollada dun recuncho de aspecto alpino no medio dos edificios da urbe. Baixo eses cedros xogamos varias xeracións de viguesas e vigueses. Deron sombra a encontros furtivos, cobixaron troulas e acompañaron charlas repousadas sobre utopías cercanas. Era un espazo cativo e recollido, no que atopábamos acougo baixo as ramas nalgunha das súas terrazas, con algún gato curioso asexando desde a porta dun bar. A piqueta destrozou para sempre un rincón único no que os vellos e afoutos cedros non se limitaban a adornar, compartían cómplices as nosas inquedanzas e desexos.
O informe do Concello definíao como “un espazo marxinal”
Porén, o informe técnico do Concello para a remodelación do entorno definíao como un “un espazo marxinal”, seguramente porque non había tendas de multinacionais ou cafeterías de deseño.
O neoliberalismo e o seu comisionado na cidade, desprezan todo isto que nós, as das marxes, as que de Vigo e a súa xente facemos fogar, tanto valoramos. Só entenden os espazos urbanos como mercadorías, frías como o formigón e mortas como os troncos das árbores despois da serra asasina.
“A piqueta destrozou para sempre un rincón único”
O suplicio destes cedros era a crónica dunha talla anunciada, estaban condeados ao cadalso xa polo feito de non seren árbores ornamentais de deseño ao gusto da estética que está a imprantarse en Vigo . Condenados por atreverse, altivos, a desafiar o modelo de cidade que nos queren impoñer. Demasiado orgullos de ser vigueses como para encaixar nun Vigo parque temático do consumismo banal.
O propio prócer vigués baixou á area do circo para levantar o pulgar:
-Viviredes pola miña obra e gracia- díxolles solemne aos cedros. E obra houbo pero gracia ningunha.
A remodelación da praza acabou afectando ás raíces dos cedros
A pesar de que o alcalde xurara e perxurara que se ían respectar as árbores, o deleixo nas obras de remodelación (ou de deshumanización) da praciña acabou afectando ás raíces dos cedros.
Os dous primeiros caeron en xuño pola “lei da gravidade” propugnada pola excavadora e os dous últimos, testemuñas de máis de 50 anos de historia, abatidas pola machada sen chegar a ver o inicio dunha nova década.
Nun ano, o 2020, a priori tan redondo e de bo augurio para propagarse o cambio polo clima, foi a furia arboricida en cambio a que se estendeu por todo Vigo. Unha febre que despoxou á nosa cidade de árbores históricas até en zonas tan emblemáticas como o parque do Castro, os xardíns de Montero Ríos e a Gran Vía. Cada actuación foi precedida polo son cercenador da motoserra para dar paso a aparcamentos subterráneos, tuneis, pasarelas mecánicas e luces. Luces e máis luces, como se necesitáramos ser rescatadas da escuridade.
“O suplicio destes cedros era a crónica dunha talla anunciada, estaban condeados ao cadalso xa polo feito de non seren árbores ornamentais”
Unha furia remodeladora da cidade na que as árbores sobran, incluso a máis iconica de Vigo, a que figura no escudo desde hai 200 anos e nos dá o nome de olívicos aos seus habitantes. A Oliveira do Paseo de Alfonso XII atopase amenazada polas baldías obras do túnel de Elduayen, que afectarán desde logo as súas raíces en calquera das variantes propostas. Esta sería unha metáfora perfecta do que está a acontecer: a destrucción das nosas raíces. O cainismo feito carne contra as nosas irmás na loita contra o cambio climático.
Os espazos verdes urbans son a única oportunidade diaria de contacto dos cidadáns coa natureza
Estes arbiricidios seguen a mesma lóxica do derrubo sistemático de valiosos edificios finiseculares dos barrios do Progreso e Casablanca, substituidos por arquitecturas funcionais e impersonais, ante a ausencia dun Plan Especial do Centro que protexería estes inmobles. Un plan que durme o soño dos xustos no caixón do esquecemento na novena planta da praza do Concello. Alí comparte dias escuros co informe sobre as verteduras de refugallos á ría ou o catálogo de medidas ante a crise climática.
Nunha sociedade cada vez mais urbanita, cada vez mais afastada da vida rural, e que realiza a maior partes das súas actividades cotiás nas urbes, a natureza urbana é esencial. Os espazos verdes urbans son a única oportunidade diaria de contacto dos cidadáns coa natureza e aportan beneficios ambientais e sociais básicos. A flora urbana é un patrimonio natural de todolas cidadáns da cidade de Vigo. A natureza urbana é riqueza, diversidade e saude.
Abandonemos toda esperanza se non entendemos Vigo como un gran bosque urbano do que somos custodios. Se non entendemos que as árbores son as nosas principais aliadas para preservar a vida no planeta. O beneficio da súa compaña é para a cidade, para a calidade de vida das viguesas e vigueses. O beneficio é para o medio ambiente, para avanzar nas medidas contra a emerxencia climática.
Lonxe de entender a cidade do século XXI, están destruíndo o Vigo con futuro, anestesiándoo con luces e cores artificiais, arrasando a vida e a historia, sacrificadas no altar dos negocio á usanza. E sobre as ruinas da nosa memoria colectiva edificarán escaparates de celofán, de usar e tirar, esqueletes dourados pendurados no aire, sen ningunha raigame nos séculos que nos precederon e alumbraron.
“A flora urbana é un patrimonio natural de todolas cidadáns da cidade de Vigo“
Ás vindeiras xeracións, ás que lle contaremos a historia destas árbores, estanlles a roubar non só a visión de catro cedros que daban a súa personalidade á Ronda Don Bosco, estanlles (estannos) a roubar o dereito a cidade, unha cidade que poidan a facer súa.
Os lugares teñen memoria, teñámolo presente. Respectemos o noso acervo cultural e natural, só así sabremos prescindir do superfluo e manter os alicerces comunitarios.