A asociación de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna ven de solicitar a Consellería de Politica Social e a de Sanidade a intervención da residencia DomusVi de Ribeira.
Esta solicitude, sinalan dende a asociación, está motivada porlo feito de que “os xestores de DomusVi non foron quen de impedir o contaxio masivo nela e que a situación empeora cada día”. Para os familiares dos usuarios, “cúmpre que a Xunta actúe e aparte da xestión aos responsables desta residencia antes de que empeoren as cousas como xa pasou noutras dese grupo”
Prima o beneficio económico
Para a asociación hai “sobradas experiencias pasadas sobre as xestións realizadas por DomusVi como para poder aseverar que cando non o fan mal o fan peor que mal, son os xestores das residencias mais mortais de Galicia e a pesar delo seguen tomándose a broma os protocolos e seguen a ser as suas residencias un lugar moi perigoso para maiores e dependentes”.
Os familiares subliñan que o procedemento é igual en tódalas residencias deste grupo, “sigue primando o beneficio económico sobre a prevención”. Denuncian que hai “moita publicidade e poucos coidados”, que “seguen sen cumprir as rateos de persoal, habitualmente por debaixo dos mínimos, sen cubrir as baixas, nin os dias libres en lugar de reforzarse ben, e así é imposible facer prevención”.
61 residentes e 13 traballadores contaxiados
Con 61 residentes e 13 traballadores contaxiados “cuxas baixas están, como de costume, sen cubrir”, para os familiares, debe apartarse os responsables desta residencia da súa xestión e “denuncialos ante a Fiscalía, porque esta claro que teñen algunha responsabilidade no ocorrido”.
Á vista destes feitos, piden á Xunta a inmediata intervención da residencia Domus Vi de Ribeira, “aportación de persoal organización e medios”. Así mesmo, demanda a “investigación da orixe do brote e o traslado a Fiscalía de toda a información que se teña sobre esta residencia”.