Cun operativo de seguridade que a Deputación asegura que non ten precedentes, celebrouse hoxe o primeiro exercicio das probas para cubrir 8 prazas de auxiliar administrativo na Deputación de Pontevedra.
Preto de 600 aspirantes
A convocatoria, á que se presentaron un total de 589 aspirantes, tivo lugar no recinto feiral de Vigo (IFEVI), onde, por primeira vez, foi necesario alugar dous pavillóns diferentes.
A Deputación elaborou un “detallado protocolo” que ten a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. O operativo incluíu o acceso por 5 portas diferenciadas, todas elas con persoal de control, para evitar colas e aglomeracións, así como a sinalización no chan de tódalas vías de circulación. Finalmente, regulouse un procedemento de información polo miúdo sobre as normas de seguridade de obrigado cumprimento antes da entrada e do comezo das probas de cada unha das quendas.
Cinco quendas
Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá, diante da necesidade de repartir ás persoas aspirantes en cinco quendas diferentes, cun máximo de 120 por cada unha delas. Quedaron sentadas en mesas de 2,20 metros de longo, con dúas persoas por mesa, situadas a carón de cada extremo e na mesma orientación. Á vez garantiuse unha separación ampla entre tódalas mesas, así como a súa completa desinfección con produtos especializados entre cada unha das quendas. O protocolo inclúe tamén un rexistro completo de tódolos asistentes, e o número de asento ocupado, que será conservado durante un mes.
8 prazas previstas no Plan de Estabilización
O proceso selectivo está encadrado dentro do Plan de Estabilización aprobado no ano 201. O mesmo implica, entre outras cousas, a celebración de 118 procesos selectivos para a cubrir un total de 257 prazas correspondentes ás Ofertas Públicas de Emprego de 2017, 2018 e 2019, obrigando a un gran despregue de traballo nos servizos de Persoal.