O goberno local de Nigrán (PSOE) proporá un novo plan de axudas directas á hostalaría do municipio. Esta nova convocatoria, na que xa se está a traballar para poder levar as bases ao pleno de marzo, súmase á actualmente en vigor por importe total de 120.000 € con cargo ao Remanente de Tesourería e cuxo prazo de solicitude remata o 17 de febreiro.
1.000€ para negocios e 750€ para desempregados sen prestación
O obxectivo do Concello é ofrecer novamente unha subvención directa de 1.000 € para os negocios do sector afincados na localidade e 750 € para os desempregados sen ningún tipo de prestación desde o peche forzoso de novembro.
“A situación segue a ser de extrema gravidade e o Concello de Nigrán é completamente consciente, por iso apostamos por esta nova iniciativa “, sinala o alcalde.
Juan González sinala que ao mesmo tempo que se decreta o peche da hostalaría tería que “activarse obrigatoriamente e de xeito simultáneo un plan de axudas potente que compense ao sector”.
Para González, “é moi significativo que unha institución moito máis pequena e con menos competencias, como é o Concello de Nigrán, outorgue o dobre de axudas que a propia Xunta“.
Tamén os autónomos non empadroados en Nigrán pero con negocios no municipio
Paralelamente, o goberno local levará ao Pleno ordinario do 22 de febreiro unha modificación do criterio da convocatoria en vigor para que tamén poidan beneficiarse os autónomos non empadroados en Nigrán pero con negocio no municipio.
“Os negocios hostaleiros de Nigrán tributan no municipio e xeran emprego nel, ese ten que ser o único criterio porque o que queremos que sobrevivan todos á pandemia“, explica o rexedor, quen aclara que se abrirá un novo prazo de solicitude máis breve para darlles cabida e, en calquera caso, se resolverá todo á vez.
Máis axudas
A maiores, o alcalde confirma que manterá neste ano a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitido por lei) e, adicionalmente, continuará co plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade e animar a programación cultural de Nigrán.