Diante do descontrol da situación pandémica na Área Sanitaria de Vigo, onde xa se superaron os 3 mil casos activos (3.153) e, singularmente, na cidade, cunha incidencia acumulada de 400 casos por 100.000 habitantes, o Bloque Nacionalista Galego urxiu a actuar para despregar medidas adicionais que contribúan a frear a transmisión do coronavirus.
Xuntanza urxente e ampliada do Comité Municipal de Seguimento
O BNG vén de demandar ao alcalde a convocatoria dunha xuntanza urxente e ampliada do Comité Municipal de Seguimento da Covid19 e reitera a proposta, formulada pola portavoz nacional, Ana Pontón, de poñer en marcha un novo confinamento.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou hoxe que o Bloque leva desde o inicio da pandemia actuando desde unha total disposición á cooperación co Goberno local. “O que lle dicimos ao alcalde é que poña data, hora e lugar para esa xuntanza e alí estará o BNG para contribuír en positivo con ideas e propostas, para sumar esforzos e fortalecer a capacidade de resposta da cidade diante desta terceira vaga”, afirmou.
Un novo confinamento de 15 días
Aliás, o portavoz municipal nacionalista defendeu a necesidade de que Xunta e Goberno español actúen para frear a situación “poñendo a saúde por diante”. A este respeito reiterou a proposta, formulada desde hai varios días polo BNG a nivel galego, de que se poña en marcha un novo confinamento de 15 días acompañado de medidas efectivas e reais de axuda directa aos sectores que se poidan ver afectados por esta medida.
“A primeira vaga da pandemia demostrou que cando a situación se descontrola como o está agora a única medida efectiva é un confinamento. É algo drástico e que vai ter impactos a nivel económico, pero é fundamental para protexer a saúde e a vida das persoas e evitar o colapso do sistema sanitario“, explicou.