Dende a plataforma ‘O Concello de Vigo en venda‘, o Comité de persoal do
Concello vén de denunciar o “desmantelamento” e a “venda” sistemática dos servizos públicos municipais “ao mellor postor, cando non ao mellor amigo”.
“Desprezo” do Goberno municipal
Os sindicatos do Concello, critican o “desprezo do Goberno municipal ante o bo facer dos centos de empregadas e empregados públicos que cumprimos fielmente co encargo recibido da cidadanía, a quen nos debemos”.
Neste “patético proceso” onde “os nosos políticos municipais se desentenden das súas responsabilidades públicas“, sinalan dende a plataforma, “a cidadanía é quen sempre paga as nefastas consecuencias duns servizos públicos deficientes”. Neste sentido, lembran que “o beneficio das empresas privadas redunda sempre en detrimento do servizos públicos municipais mentres as cargas impositivas seguen sendo as mesmas para a cidadanía”.
Transporte público, abastecemento de auga, Policía e Bombeiros
Os sindicatos citas coma exemplos, o transporte público e o abastecemento de auga, “privatizados hai tempo”.
Tamén sinalaan que a seguridade da cidadanía está “seriamente comprometida” pola falta de policías locais e bombeiros. “É un feito
incuestionable que ámbolos dous corpos están sempre baixo mínimos e non poden garantir nin a seguridade da cidadanía nin a dos propios traballadores”.
Servizos Sociais
Para esta plataforma, “a falta de persoal na área de Benestar social é igualmente dramática”. A mesma, aseguran, provoca non so “serios retrasos na tramitación das axudas e prestacións asistenciais , senón a imposible realización dunha política real e efectiva de integración social.
“Isto transforma ás políticas sociais do Concello en actos de caridade e beneficencia”.
O mesmo déficit de persoal evidénciase nos servizos esenciais do Concello. Isto, provoca, subliñan, un “intolerable atraso na tramitación de solicitudes, licencias, reclamacións, recursos, denuncias” e calquera outro trámite administrativo.
“Estratexia privatizadora“
Segundo os sindicatos do Concello, a non apertura de instalacións deportivas, o peche de Vigozoo, o desmantelamento do Laboratorio Municipal e diferentes departamentos do Parque Central…, evidencian unha “estratexia privatizadora na xestión dos servizos públicos de titularidade municipal, así como o desterro das parroquias rurais nas que a implantación de servizos urbanos xunto coa nula actuación do mantemento das diferentes infraestruturas son froito da desidia desta Corporación”.
O alcalde non se reuniu nunca co Comité de Persoal
O alcalde, denuncia a plataforma, “aínda non se dignou a reunirse, sequera unha vez, co Comité de Persoal” para tratar todas estas estratexias privatizadoras dos recursos públicos.
Para os sindicatos muncipais, “Abel Caballero emprega a Asesoría Xurídica Municipal con fins políticos eludindo negociar os conflitos” e levando ás conseguintes xudicializacións destes, “malgastando o erario público en preitos que só perseguen dilatar no tempo a aplicación de
sentenzas xudiciais desfavorables”.
A xuízo da plataforma, “o alcalde amosa o máis absoluto desprezo a representación legal das e dos traballadores, á legalidade vixente e ós fallos xudiciais, que en non poucos casos, quedan sen cumprir”.