O curso pasado o CEIP Valle-Inclán de Vigo puxo en marcha un ‘Club de Convivencia’, formado por un neno e unha nena de cada nivel que
exercen de representantes das súas clases.
Asemade, propuxeron un reto relacionado coa mellora do mundo no que vivimos: entre todos conseguiron enviar máis de 2.000 grúas de origami
e dous desexos de corazón a Xapón, ao Parque da Paz de Hiroshima.
“Para elo, a nosa inspiración foi a figura de Sadako Sasaki, unha nena que faleceu a consecuencia da bomba de Hiroshima”, sinalan dende o centro. O reto inicial eran 1.000 “e coa implicación da comunidade educativa conseguimos supéralo con creces”.
Grazas a este proxecto recibiron o recoñecemento da ‘Fundación Grandes Iniciativas de Atresmedia’ e o 2º premio de ‘Boas Prácticas de Inclusión Educativa’, da Consellería de Educación.
Un cinto verde inspirado no da Premio Nobel da Paz, Wangari Maathai
Logo do éxito do pasado curso o ‘Club de Convivencia’ xa ten un no novo reto. Queren traballar para que a crise do coronavirus non se volva a repetir, e saben que para elo “debemos coidar o noso planeta”.
Por isto, “este ano inspirámonos na Premio Nobel da Paz Wangari Maathai e o seu cinto verde en África: nós queremos facer un cinto verde no noso cole,e xa temos claro onde”. Queren mudar unha pista de terra, que parece un deserto, por un lugar onde a fauna e flora vivan en paz. A primeira das árbores a plantarán o víndeiro venres, día 29.
Viveiro
A maiores, queren crear un viveiro, como fixo Wangari, para coidar árbores e logo doalas. “Buscaremos tamén colaborar coa fundación Green Belt Movement en Quenia e a Comunidade de Montes de Vigo. Así como calquera outra organización que se queira sumar ao noso pequeno cinto verde”.
Este proxecto o presentarán de xeito oficial o vindeiro venres día 29, día Escolar da Non Violencia e a Paz, coa vista posta no o 5 de xuño, ‘Día Mundial do Medio Ambiente’. Para ese día agardan ter 1.000 pequenas árbores listas para plantar.
“O curso pasado queríamos 1.000 grúas, porque non este curso 1.000 árbores? Traballaremos como auténticos colibrís para facelo”.