A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, cualificou de “feito histórico” que un total de seis grupos políticos da Eurocámara defenderan que a
denuncia contra a precariedade laboral no Servizo Galego de Saúde (SERGAS), impulsada polo BNG e as Enfermeiras Eventuais en Loita quedase aberta durante a sesión da Comisión de Peticións celebrada hoxe.
“Europa pon en cuestión o modelo de contratación da Xunta na sanidade pública”
“Que a propia Comisión Europea recoñeza o abuso da contratación temporal significa que desde Europa se pon en cuestión o modelo de
contratación do goberno galego na sanidade pública”, subliña Miranda ao finalizar a sesión, na que interveu Catuxa Lagarón, en representación do colectivo.
A sucesión de contratos é contraria ás normas da UE
“Quedou patente e recoñecido por parte da Comisión que a sucesión de contratos temporais para cubrir necesidades permanentes vulnera a normativa europea”, salienta a portavoz do Bloque en Europa.
A denuncia foi presentada na Comisión de Peticións e entregada a súa vicepresidenta Tatjana Zdanoka quen defendeu que se abra
un procedimento de infracción e unha carta ao Goberno galego. Ao respecto, as Enfermeiras Eventuais en Loita se comprometeron a enviar máis información, especialmente sobre a concatenación de contratos, despois de ser requirido polo propio Executivo comunitario.
500 contratos en 6 anos
Ademais de sinalar que a investigación sobre esta situación está en curso, a Comisión Europea, recoñeceu que non existen medidas suficientes para prever o excesivo recurso á temporalidade. Neste sentido manifestou que a existencia de 500 contratos durante 6 anos é “un exemplo gravísimo da situación” e afirmou que están en contacto coas autoridades españolas sobre estas prácticas abusivas.
Ademais, na súa quenda de réplica Catuxa Lagarón criticou a falta de transparencia do goberno galego, xa que “falta información sobre o cadro de persoal do SERGAS”.