A Xunta iniciou hoxe a 2ª dose da vacinación fronte ao Covid 19 ao persoal que traballa en primeira liña no ámbito sanitario. Trátase daqueles profesionais que teñen un maior risco de exposición por levar a cabo actividades de atención directa de pacientes Covid así como por presentar maior probabilidade de ter contacto cunha persoa con infección polo virus.
Nesta primeira fase, ata o próximo venres, vanse vacinar a aqueles traballadores que xa tiñan administrada a primeira dose, preto de 4.000 da Área Sanitaria de Vigo.
Citados hoxe 1.180 profesionais
Hoxe xa están citados 1.180 traballadores de todas as categorías profesionais, sanitarios e non sanitarios, dos que 670 traballan no ámbito hospitalario e 510 en Atención primaria.
En concreto, estase vacinando aos servizos de Atención Primaria de Ponteareas (que inclúe ao persoal dos centros de saúde de Ponteareas, Mondariz, As Neves, e Salvaterra); A Cañiza (Cañiza, Crecente e Arbo); centro de saúde de Coia; R/Cuba (Cuba e Taboada Leal); Nicolás Peña (Nicolás Peña e Pintor Colmeiro), Rosalía de Castro-Beiramar; e Sárdoma (Sárdoma, Bembrive e Matamá).
No ámbito hospitalario o persoal dos servizos de primeira liña que estase vacinando é o que traballa nas Unidades de Críticos como UCI e Reanimación; Urxencias; Hospitalización a Domicilio; Hospital de Día; Oncoloxía, Hematoloxía, así como persoal de distintos gabinetes de técnicas e Unidades de Hospitalización .
Para isto a dirección de Área Sanitaria conformou 13 equipos de enfermaría, compostos por dous profesionais cada un deles, destinados á vacinación. Seis deses equipos achegaranse aos servizos de Atención Primaria e outros sete están emprazados no hospital Álvaro Cunqueiro .