O Bloque Nacionalista Galego propón que o Concello de Vigo se dote dunha empresa pública municipal desde a que xestionar o estacionamento da cidade.
Dende o BNG deféndese unha xestión pública “para evitar novos fiascos” como os dos aparcamentos de Coia e Jenaro de la Fuente polos que agora o Concello ten que aboar indemnizacións millonarias.
7,5 millóns en indemnizacións amosan que o modelo privado é “ineficiente e ruinoso“
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, sostén que a indemnización por importe de 7,5 millóns de euros ás empresas que xestionaban eses dous aparcamentos soterrados, demostra que o “o modelo de concesión privada para xestionar aparcamentos demostrouse ineficiente e ruinoso para a cidade. É un modelo fracasado e do pasado que cómpre superar”.
Xestión pública dos aparcamentos soterrados e da XER
A este respeito, Igrexas defendeu que “non abonda con laiarse das consecuencias deste modelo, senón en tomar decisións para evitar que estas situacións volvan producirse”. Con ese obxectivo propoñen a constitución dunha empresa municipal desde a que asumir a xestión integral do estacionamento da cidade, incluíndo tanto os aparcamentos soterrados como a XER.